Pontevedra preséntase en Sevilla como o mellor plató de cine


A Deputación segue a dar pasos axigantados na Pontevedra Provincia Film Commission para converter o territorio nun escenario de rodaxes. Así, este mércores participa en Sevilla na xornada "Focus on USA" que organiza a Spain Film Commission, dentro do seu programa "Rueda en España", para atraer rodaxes de produtoras e estudos norteamericanos. No evento networking a institución dará a coñecer o destino Pontevedra Provincia ante unha trintena de persoas executivas con capacidade de decisión das principais produtoras independentes e estudos cinematográficos de Estados Unidos da talla de Amazon, HBO, Netflix, NBC Universal, Paramount, Warner Bros, Sony Pictures, MGM Studios ou Elefantec Global.

"Trátase dunha xornada importantísima na que se van dar cita as principais empresas do audiovisual e cinema do mundo e onde teremos unha presenza moi relevante para dar a coñecer todo o noso potencial como destino turístico e os múltiples recursos e oportunidades das que dispoñemos para rodar" asegurou a presidenta Carmela Silva. "Queremos que coñezan que Rías Baixas é un destino axeitado para a rodaxe dos seus filmes, presentando as vantaxes competitivas, o poderío audiovisual que temos na provincia e a potencialidade do sector, que servirá de acicate para que poidan realizar aquí as súas rodaxes, nun espazo con moito talento e cunha rede profesional que nos sitúa como un espazo moi atractivo".

A xornada networking en Sevilla, na que se dará cita a Deputación, trátase dunha misión inversa promovida polo ICEX (Instituto de Comercio Exterior) que terá lugar no Mosteiro de Santa Clara. Xunto á Pontevedra Provincia Film Commission participarán outras oficinas do resto do Estado integradas na Spain Film Commission como é o caso de Andalucía, Valladolid, Bilbao, Cataluña, Canarias, Madrid, Mallorca, Asturias, Tarrasa, Carmona e Valencia.