O Concello de Ourense (na senda do camiño aberto por Vigo) aposta por reforzar e ampliar a iluminación ornamental do Nadal da cidade, cun investimento de 600.000€. A xunta de goberno local do Concello de Ourense aprobará na súa sesión de mañá o expediente para contratar a iluminación das próximas festas do Nadal de Ourense 2022-2023.
O Concello destinará unha achega de 599.000 euros para engalanar as rúas e prazas da cidade durante as celebracións, unha contía que medra en máis de 200.000 euros fronte a anos anteriores, co obxectivo de chegar a máis espazos ca nunca e aumentar de forma importante o número de elementos ornamentais e a súa espectacularidade. O goberno municipal quere dar un paso adiante, logo de constatar a excelente acollida que a iluminación navideña acadou nos dous últimos anos.
Tamén persigue o goberno municipal aproveitar a extraordinaria oportunidade que lle supón a cidade a chegada da alta velocidade ferroviaria (que entrou en servizo a finais de decembro de 2021), e que a iluminación artística da cidade contribúa a converter Ourense nun potente destino turístico durante estas datas. O goberno municipal quere que Ourense, na súa condición de parada final do AVE, sexa unha visita obrigada en Nadal. As luces acenderanse o día 2 de decembro.