Ourense acollerá en 2023 un congreso internacional sobre os camiños a Santiago


O presidente da Deputación, Manuel Baltar, recibiu no Pazo Provincial á directiva da Asociación Cultural Amigos Camiño Mozárabe - Vía da Plata, encabezada polo seu presidente na provincia, José Luis Rodríguez Cid, para avanzar nos preparativos do 13º Congreso Internacional dos Camiños de Santiago que se celebrará en Ourense do 20 ao 23 de abril do próximo ano.

Unha cita que converterá á cidade ourensá na capital da peregrinación xacobea. "Esta é unha vía perfecta para promocionar a provincia e, sobre todo, para poñer en valor a Vía da Plata", sinalou o presidente do goberno provincial, lembrando que "dentro das moitas potencialidades de Ourense, esta é unha delas. Por iso para nós é fundamental esta ruta, que atraviesa a terceira parte dos concellos da provincia. E levamos tempo impulsándoa en colaboración coa Asociación Cultural Amigos da Vía da Plata, facéndolle o camiño máis cómodo aos visitantes".

O presidente da Deputación resalta a "visibilidade" internacional que proporciona a Ourense o Camiño Mozárabe e, nese contexto, o papel xogado pola Asociación Cultural de Amigos da Vía da Plata: "A súa labor é fundamental dentro da potenciación deste Camiño, transcendental para este goberno do mesmo xeito que impulsamos o Camiño de Inverno ou o Miñoto-Ribeiro".

Manuel Baltar recalca o traballo da asociación: "Para a Deputación de Ourense é unha obriga colaborar con eles. Fixemos un encontro nacional de Amigos do Camiño de Santiago, e agora o prantexamento xa é facelo internacional. Temos o plácet da organización para desenvolvelo en Ourense, están traballando con moita ilusión e esforzo".