Os viños da Ribeira Sacra terán unha catapulta na Lei de Calidade Alimentaria


O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, destacou este venres durante a súa participación nos actos da XXVI Cata dos Viños da Ribeira Sacra a oportunidade que suporá a futura Lei da Calidade Alimentaria de Galicia para “impulsar e dar unha nova dimensión no mercado” á produción amparada por esta denominación de orixe.

Así, destacou que a nova Lei -que vén de iniciar a tramitación do seu anteproxecto- introduce novidades que poderán ser aproveitadas polo sector do viño, como a regulación dunha certificación de sustentabilidade que busca fomentar o respecto ao medio ambiente, a calidade e a seguridade alimentaria; a protección das persoas traballadoras e da cidadanía, así como unha renda adecuada para os diferentes elos da cadea de valor. Tamén se crearán dous órganos de consulta e participación do propio sector e potenciarase a compra ou contratación pública de produtos e servizos alimentarios cun impacto ambiental reducido.

Arias celebrou que despois de dous anos sen organizar a Cata polas limitacións da pandemia, o Consello Regulador da Denominación de Orixe da Ribeira Sacra a recupere este ano con 84 caldos pertencentes a 32 adegas. Tamén felicitou aos adegueiros e viticultores “polos bos resultados e recoñecementos que seguen colleitando grazas ao seu traballo e á capacidade de adaptación que amosaron durante os tempos máis difíciles da Covid-19”.

O delegado animou así mesmo a participar nas actividades que ofrece a undécima edición das Xornadas de Portas Abertas das Rutas dos Viños, promovidas pola Xunta a través da Axencia de Turismo de Galicia. Subliñou que a Ribeira Sacra acollerá a primeira fin de semana de xuño -do 3 ao 5- este programa,“que inclúe múltiples propostas para que o público de todas as idades poida desfrutar da gastronomía e o patrimonio natural e cultural da zona”. O programa completo pode consultarse na páxina web www.rutasviñosgalicia.gal.