Os pontevedreses toman A Fracha e Tomba para o ocio e o lecer


A posta en valor dos espazos verdes ten resposta cidadana. Fracha contou con preto de 19 mil visitantes e A Tomba case 8 mil, superando as expectativas iniciais e demostrando o interese que espertan entre a veciñanza pontevedresaO Concello presentará noeste mes de maio un novo programa de actividades para outorgarlle a estes espazos verdes un valor engadido e que a xente continúe gozando do monte local

A aposta por crear lugares verdes de esparexemento e lecer é unha aposta que o Concello de Pontevedra mantivo e manterá ao longo dos anos. A creación do chamado anel verde é unha aposta de futuro que xa deu os seus primeiros froitos, e que agora quedan recollidos en datos, logo de seren instalados uns contadores de visitantes nos parques de A Fracha e A Tomba para poder ter estatísticas de interese sobre o seu uso, é dicir, sobre o número de persoas que acoden a estes espazos.

Así, o informe do primeiro ano destes lugares ofrece unha cifra de 26.811 visitantes que pasaron por estes parques forestais durante o ano 2021. Polo miúdo, 7.791 pasaron pola Tomba e 19.020 visitaron A Fracha, un feito que supera as expectativas do Concello con fartura e afonda no interese da veciñanza en coñecer os montes e os parques forestais pontevedreses.

O estudo permite coñecer a segmentación de visitantes que van a pé ou en bici, amais de outros datos curiosos como o día que máis visitantes tivo cada parque, sendo no caso da Fracha o Día das Letras Galegas, o 17 de maio, con 455 persoas; e o domingo 21 de marzo, no caso da Tomba, con 262 persoas.

"Só podemos facer unha valoración moi boa, superando as expectativas que nos marcamos por moito. A idea era facerlles chegar aos veciños e as veciñas que temos un monte tremendamente produtivo, que é moi bo e que se acheguen desde as cidades e as parroquias até estes parques forestais que creamos nos últimos tempos", explica Alberto Oubiña, concelleiro de Montes. "Este é un traballo que non cesa, pois é continuo. Temos moita gana de continuar a poñer en valor os montes e os parques forestais de Pontevedra. Agora mesmo acabamos de realizar hai uns meses uns labores de mantemento no Pontillón e seguiremos facendo pequenas melloras e investimentos para facer máis atractivos estes lugares"·.

O edil sinala que no mes de maio será presentado un novo programa de actividades baixo a bandeira de Espírito Montuno para que a xente «poida achegarse ao monte, ben a coñecelo ben a gozar del de novo» e "facer un marcado carácter distintivo, que os parques forestais de Pontevedra teñan un valor engadido, sendo cada un deles distinto: temos A Fracha que se centra no lecer, no ocio; temos A Tomba que é un espazo máis natural, máis verde, con plantacións moi específicas para demostrar o produtivo que pode chegar a ser o monte; e temos o Pontillón que se enfoca no deporte"