Os mellores cociñeiros de petiscos de Galicia xa compiten en Pontevedra


Os mellores cociñeiros galegos de petiscos xa enchen de sabor desde as nove da mañán o espectacular escenario da Finca Batacos no I Campionato de Tapas de Galicia para dilucidar cal é a mellor receita de gastronomía en miniatura da comunidade.

Ao longo da xornada de hoxe, 30 chefs (do medio centenar que toman parte na competición) estarán presentando as súas deliciosas propostas a un xurado presidido pola Estrela Michelin Yolanda León, exhibindo tapas elaboradas con produtos da terra, técnicas de alta cociña e creatividade e novas creacións capaces de xerar na boca unha explosión de sabores e seducir os sentidos.

O certame, conducido pola actriz María Carrera e que pode seguirse vía streaming desde a canle de Youtube do Concello e a páxina www.academiadelatapa.com, foi inaugurado oficialmente esta mañá nun acto no que participaron o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores; a concelleira de Promoción Económica e Turismo, Yoya Blanco, impulsora do campionato; o delegado comercial de Estrella Galicia, Miguel Ángel Vázquez Becerra; o presidente do CRDO Ribeiro, Juan Manuel Casares Gándara; a responsable de marketing de Congalsa, Reyes Vidal, e o presidente da Academia da Tapa e do Pintxo, Mikel Martínez.

O rexedor municipal subliñou que este I Campionato de Tapas de Galicia permite “poñer en valor e visibilizar a potencia que Pontevedra ten nos eidos da gastronomía e a restauración”. “Queremos ser Capital Española da Gastronomía -lembrou Fernández Lores- e imos ter 47 restauradores galegos que van competir aquí diante dun xurado de fóra da comunidade. Temos en Galicia e nas Rías Baixas unha calidade excepcional de materias primas, peixe, carne, verduras, viño ou cervexa, e coido que estamos en condicións de competir internacionalmente. Que a xente que vén aquí saiba que non visita só a unhas das mellores praias do mundo, cun clima excepcional e uns espazos naturais, arqueolóxicos e arquitectónicos impresionantes, senón tamén unha terra cunha gastronomía fantástica, que é ademais un atractivo para incrementar o valor do sector turístico, que supón arredor dun 13 ou 14% do PIB”.