Oia suma os seus atractivos turísticos o sendeiro de Burgueira


O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete, acompañado polo delegado territorial da Xunta na provincia, Luis López, e a alcaldesa Cristina Correa, visitou o concello pontevedrés de Oia onde a Xunta vén de cofinanciar a instalación do sendeiro de Loureza-Burgueira por importe de preto de 25.000 euros, dos que o executivo galego achegou o 80% (20.000) e o Concello de Oia o 20% restante.

 A ruta circular de 12,5 quilómetros percorre a marxe esquerda do río Tamuxe entre Loureza e o Pozo do Arco, para logo dirixirse a Burgueira e baixar novamente cara Loureza a través de pistas e camiños que, en certos puntos, permiten divisar a desembocadura do río Miño no Océano Atlántico.

Neste itinerario atópanse varios conxuntos de pozas. Algunhas destas pozas están sinalizadas pola comunidade de montes. A contorna do Pozo do Arco acondicionouse no ano 2012, creando espazos de lecer con mesas e bancos, construíndo unha ponte sobre o río, rehabilitando muíños e creando unha pequena senda peonil que se emprega no trazado do sendeiro.
 

Grazas a esta ruta, dixo o secretario xeral, “o turismo deportivo de Oia verá incrementado o seu turismo que xa conta con importantes atractivos como o Camiño Portugués da Costa, a presencia do mar, o carril bici e o seu entorno natural, así como as boas comunicacións, condicións óptimas para o deporte ao aire libre”.

 Neste exercicio 2022, a Secretaría Xeral para o Deporte conta cun orzamento inicial de 32.489.463 euros que sobe lixeiramente sobre o inicial de 2021 (32.474.216 euros). Deste total, a contía destinada para obras de construción e reforma de infraestrutura deportiva acada os 11,3 millóns de euros, un 24% máis que o destinado en 2021 (9,15 millóns) e que xa ascendera un 118% con respecto a 2020.