O PortAmérica levantará o pano do 2 ao 4 de xuño dos Rías Baixas Fest 2022


Os Rías Baixas Fest 2022 da provincia levantarán o pano do 2 ao 4 de xuño coa décima edición do PortAmérica, unha das propostas culturais máis innovadoras de Galicia e do Estado coa fusión de música, natureza e gastronomía e que neste ano regresa á normalidade trala pandemia. A Azucreira de Portas, un dos tres escenarios onde terá lugar o festival, xunto á carballeira e o recinto da Tafona en Caldas de Reis, acolleu a presentación oficial do evento, que a presidenta da Deputación cualificou de “referencia da industria musical en todo o Estado”.

Carmela Silva puxo en valor o esforzo e “a extraordinaria idea” que dende hai dez anos plasma a produtora do festival, Esmerarte, baixo a dirección de Kin Martínez, así como a colaboración dos alcaldes de Portas e Caldas, Ricardo Martínez e Juan Manuel Rey “para que este evento estea no mapa da mellor cultura musical desta comarca e do Estado”.

No eido musical, PortAmérica contará coas principais figuras da música galega, nacional e internacional. Arrancará o 2 de xuño con Lori Meyers, Delaporte, El Columpio Asesino, Muchachito Bombo Infierno, Natalia Lacunza, Rojuu, Cápsula, Fon Román, Grande Amore. O venres 3 de xuño actuarán WOS, Rozalén, Baiuca, Andrés Suárez, Instituto Mexicano del Sonido, Coque Malla, Arde Bogotá, Alice Wonder, La La Love You e The Parrots. E o sábado 4, Bizarrap, Xoel López, Viva Suecia, Mikel Erentxun, Depedro, Queralt Lahoz, Lisandro Aristimuño, Amparanoia, Dengue Dengue Dengue, Serbia, Dani e Flecha Valona.

No que atinxe ao showrocking, comisariado por Pepe Solla, reunirá a preto de corenta chefs galegos, do resto do Estado e do mundo que suman 24 estrelas Michelin e 39 soles Repsol, que converten ao festival nunha experiencia diferencial única e nunha alternativa turística singular de primeiro nivel.

Por outra banda, serán novidade as sesións vermú durante as mañás do sábado e do domingo do festival na área termal da Tafona, un espazo a carón do Río Umia en Caldas. O sábado 4 contará coa música de Marilia Monzón, Marisa Valle Roso, Santi Araujo e Pablo Lesuit e o domingo 5 con Mavica, Sarria e Igloo. Haberá tamén liñas de autobuses desde 6 das principais cidades galegas (A Coruña, Santiago, Pontevedra, Cambados, Vilagarcía e Vigo).