O Marisquiño terá o descenso urbano máis espectacular do mundo


Máis Vigo no mundo, ano tras ano. O Marisquiño 2022 presenta un novo e totalmente remodelado circuíto para o MTB Downtown que se celebrará o domingo 14 de agosto. Máis longo, máis visual, máis divertido. Unha ruta que atravesa a columna vertebral da cidade de Vigo, tendo a súa saída no punto máis alto do núcleo urbano, emprazamento que xa foi elixido polas primeiras vilas celtas para asentar os cimentos da cidade, a Fortaleza do Castro e, como meta, a praza do Berbés, o barrio de pescadores dende onde comezou a medrar o Vigo mariñeiro para dar paso ao industrial.

O alcalde afirmou que “acolle con orgullo as ideas para esta edición, puidendo gozar dela desde ópticas distintas e estar presente nos sitios importantes da cidade. Así o demostra o novo percorrido do descenso urbano máis espectacular do mundo”.

Trátase dun trazado que mestura montaña e asfalto, velocidade e técnica, saltos e xiros inesperados, todo para que os pilotos non perdan o ritmo e flúan polas rúas do Vigo máis emblemático: a oliveira, a panadería, o escaleiras do Castro, rúa dos Peligros, rúa Real... un percorrido único pola cidade que se estende ao longo dun quilómetro. Un novo circuíto para un dos Descensos Urbanos máis espectaculares do mundo.

Este ano O Marisquiño deslocaliza as competicións, estendéndose pola cidade. Samil acollerá a proba mundial de Skate e Vialia, a proba mundial de basket 3x3, campionato FIBA. “Ímolo petar”, subliñou Caballero