O 'espaVila!' porá en valor os productos do mar en Arousa esta fin de semana


O “espaVila!”, unha iniciativa posta en marcha pola Concellería de Promoción Económica e Emprego no marco do Plan de Promoción e Recuperación Económica “Vilagarcía 21” deseñado para reactivar a economía local tras a crise do covid, arranca este venres na vila arousana. Tras a edición inicial, dedicada ao mundo da flor, a experiencia repítese agora cun programa dedicado ao sector por excelencia de Vilagarcía e a súa contorna: o do mar.

Ademais das exposicións, conferencias e mesas redondas e multitudes de actividades para os nenos e nenas, haberá no interior da Praza da Peixería os stands de presentación e venta de produtos turísticos, gastronómicos e ata laborais de firmas como Corticata, Ameixa de Carril, Mexillón de Galicia, AmarCarril, TeeTravel, Algas La Patrona, Naútica Medusa, Yago González e ADER (selección de persoal para o sector da conserva).

O “espaVila!” edición do Mar, rematará o domingo, cunha xornada máis lúdica e festiva con dinamización das rúas do centro urbano entre as 11 e as 14 horas e unha festa mariñeira a cargo do colectivo Revenidas, de Vilaxoán.

De todos xeitos, uns dos actos máis atractivos para o público en xeral serán os showcookings que protagonizarán no exterior da Praza da Peixería os mellores chefs de Galicia, cuxos restaurantes suman unha chea de estrelas Michelín e soles Repsol. O do venres, a partir das 12 do mediodía, contará coa participación de Javier Olleros (restaurante Culler de Pau), Rafa Centeno (Maruja Limón) e Marcos Cerqueiro (grupo Abastos), que elaborarán en vivo e en directo tres pratos a base de produtos do noso mar (polbo, robaliza, chicharro e navalla). Previamente, Javier Olleros, presentará no “espaVila!” o libro “Culler de Pau”, no que relata a historia do restaurante do Grove.

O showcooking do sábado comezará ás 12.30 horas e contará coa intervención dos chefs Beatriz Sotelo, Xosé Magalhaes (restaurante Ceibe) e Toñi Vicente, que elaborarán saborosas receitas a base de xurel, xarda e ourizo.

A asistencia aos showcookings é libre e de balde, con reserva previa a través da plataforma vivetix.com. Hai dispoñibles 40 prazas para cada día.