Novo film rodado en Ourense con secuencias en Aceites Abril


Manuel Baltar visitou a rodaxe de "Honeymoon", a terceira produción audiovisual que se grava simultaneamente estes días en Ourense co patrocinio da Deputación.

Nas instalacións de Aceites Abril, onde se rodan algunhas das secuencias desta nova película, o presidente do goberno provincial afirmou que estes proxectos demostran "que todo o noso territorio é magnífico para desenvolver calquera trama. Esta liña de apoio ao cinema vai seguir sendo unha prioridade".

Completa unha circunstancia inédita: coinciden na provincia a rodaxe simultánea de tres películas -La manzana de oro, 13 exorcismos e Honeymoon- , so uns días despois da finalización da gravación de O home e o can. Os catro filmes teñen o patrocinio da Deputación de Ourense.

Manuel Baltar invitou ao equipo técnico e artístico a que "vivan e repitan en Ourense, o territorio galego mellor conectado e que supón un factor clave para convencer a produtores e directores para que veñan aquí a rodar".

O director Enrique Otero agradeceu "todas as facilidades que nos deu o presidente", desexando facer "unha presentación como se merece na alfombra roxa do Festival de Cine de Ourense". O actor Javier Gutiérrez cualificou á provincia como "un lugar interesantísimo para rodar".

Honeymoon é un "thriller" que narra a historia dunha nai e dun pai sen recursos suficientes para repatriar o cadáver do seu fillo desde os EEUU.