Nava Castro ve un activador turístico na D.O. Valdeorras


A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, destacou o apoio do Goberno galego ao sector vitícola no marco das XI Xornadas de portas abertas da ruta do viño de Valdeorras, que teñen lugar durante esta fin de semana.

Na súa intervención, Nava Castro destacou a calidade do viño galego e esta actividade como unha maneira de dinamizar a oferta turística galega, situando a Galicia no mapa da excelencia dunha oferta adaptada á nova realidade dos viaxeiros.

Nesta acción promovida pola Axencia de Turismo de Galicia, os visitantes poderán desfrutar dun programa de actividades no que están incluidas visitas a bodegas adheridas á xornada, participar nunha observación astronómica guiada por un especialista que achegará aos participantes ao “ceo profundo”, ou participar nunha actividade na que elaborarán un cadro con pintura acrílica inspirado na obra da “Noite estrelada” de Van Gogh, entre outras moitas actividades.

Haberá servizo de transporte para visitar adegas este sábado 28 e do domingo 29 de maio durante todo o día. En todo momento os asistentes estarán acompañados por un guía turístico. Hai prazas limitadas, polo que recoméndase reserva previa.

Ademais, co obxectivo de dar a coñecer a iniciativa, Turismo de Galicia sorteará a través do seu Facebook un total de 3 premios consistentes nunha noite de aloxamento e un xantar para dúas persoas nos establecementos asociados.

Pódese consultar toda a información relativa ás xornadas na web de Turismo de Galicia e afondar nos recursos enoturísticos na app Enoturismo de Galicia, que conta con información precisa de cada recurso en galego, castelán e inglés.