Máis fondos para promocionar o cultivo do chícharo en Lugo


Medio Rural da Deputación de Lugo colabora coa cooperativa chairega Almoga SCG nunha campaña de divulgación sobre o aproveitamento do chícharo da cova. A área dirixida por Mónica Freire presta apoio económico á iniciativa que está a desenvolver a cooperativa, dirixida a promover este cultivo como vía de diversificación produtiva das granxas e para incidir na necesidade dunha soberanía alimentaria real, tanto para a poboación como para os propios animais.

O persoal técnico da cooperativa ofrece asesoramento aos gandeiros e gandeiras asociados/as e a titulares doutras granxas que o demandan. O obxectivo da campaña é ofrecer alternativas que favorezan a rendabilidade das granxas nun contexto de crise, tanto polo aumento dos custes de produción como pola falta de relevo xeracional no sector.

Mónica Freire subliñou que “desde a área de Medio Rural tratamos de impulsar e acompañar todas as iniciativas que aposten por aproveitar as potencialidades produtivas do rural, como é o caso desta campaña de Almoga S.C.G, que procura alternativas para garantir a viabilidade das granxas e pequenas explotacións agrícolas e, polo tanto, a posibilidade de traballar e vivir no rural, permitindo unha soberanía alimentaria para a poboación galega e para os propios animais das granxas”.

Dende o ano 2.108 pecharon máis de dúas mil granxas de vacún de carne en toda Galiza, ademais de reducirse a superficie agraria útil. Este tipo de iniciativas son vitais para a supervivencia do noso tecido produtivo primario e para o sustento social e económico de zonas de interior e de montaña moi deprimidas demograficamente.

Almoga SCG, que agrupa 47 ganderías de vacún de carne e produción agrícola das comarcas da Terra Chá e do Eume, conta con dous técnicos agrícolas titulados realizando labores de asesoramento e xestión, centradas neste primeiro semestre do ano na difusión das posibilidades que ofrecen os cultivos hortofrutícolas e leguminosos na Terra Chá.

Cómpre destacar a recuperación que leva facendo a cooperativa co “chícharo da Cova”, que dende fai catro anos están promovendo o cultivo deste pequeno chícharo que tanto vale para consumo en verde coma en seco, para o consumo como forraxe de alto contido proteico para o gando e para elaborar fariñas, así como o seu uso como abono verde na renovación dos pasteiros ou na rotación dos cultivos.