Máis de 40 actividades e 32 curtametraxes a concurso na XIX do Festival de Cans


O Festival de Cans, que se celebra do 17 ao 21 de maio, e suma unha xornada de introdución previa ao Día das Letras, volve á primavera, coas súas datas tradicionais, cos desfiles de chimpíns e cos concertos gratuítos en lugares emblemáticos como o Torreiro de Cans. Precisamente, este espazo acolleu a presentación da décimo novena edición do certame.

“Unha gran sección oficial, con múltiples actividades paralelas para todos os públicos, a presenza de destacados cineastas e intérpretes, música, libros e coloquios”, eis os eixes que sustentan esta proposta cultural e a programación do certame este ano. Así o indicou o seu director, Alfonso Pato, quen deu a coñecer tres dos pratos fortes, como serán o coloquio na leira co cineasta Daniel Monzón, o concerto no Espazo Estrella Galicia da Leira do Río, de Amparanoia e a apertura do certame, que será co primeiro capítulo da serie Rapa de Jorge Coira.

Durante 4 días, terán lugar preto de 40 actividades, dende proxeccións a roteiros, máis dunha vintena de concertos, exposicións ou coloquios. O Festival recupera ademais este ano algúns dos seus  espazos máis emblemáticos. Ademais das proxeccións en casas, baixos e cubertos da aldea, que aumentan a súa capacidade, ou o Invernadoiro de Mucha e Juan do Peso, a Noite Lasal dos videoclips volve o xoves á praza do Concello do Porriño e recupéranse os concertos gratuítos nocturnos no Espazo Estrella Galicia da Leira do Río.

Ese será o epicentro desta edición, o lugar das grandes homenaxes, o coloquio, a entrega de premios e os principais concertos, que o venres suman ao cartel á madrileña Amparo Sánchez, Amparanoia, que celebra 25 anos de carreira musical como pioneira da mestizaxe de estilos e que porá a bailar ao público a golpe de fusión de ritmos, da cumbia ao reggae caribeño, pasando polo pop progresivo, a electrónica ou o hip hop.

Na presentación do XVIII Festival de Cans participaron representantes das administracións que apoian esta iniciativa coma o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, a deputada de Cultura da Deputación de Pontevedra, Victoria Alonso, e o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo. Este último destacou a maxia do lugar, da veciñanza, e o trampolín para creadores deste festival, que dixo "sitúan O Porriño no máis alto da cultura".

No mesmo sentido pronunciouse Román Rodríguez, quen recoñeceu estar enganchado ao festival de Cans "tanto no persoal coma no profesional", e parabenizou a organización por continuar durante este dous anos tan malos". O conselleiro de Cultura afirmou que o de Cans é un festival que nos proxecta e que xera un retorno económico significativo. Pola súa banda, Victoria Alonso, destacou o carácter inclusivo e con perspectiva de xénero da programación. "Poucos festivais teñen tanto talento feminino coma Cans", remarcou, para indicar que se trata do terceiro evento cultural máis importante de Galicia.

Xunto a eles, patrocinadores que fan tamén posible a realización deste certame como Estrella Galicia ou Gadis ademais da delegada da Fundación AISGE en Galicia, a actriz e presentadora Isabel Blanco, quen celebrou que "o incremento en apoios e calidade do festival ten sido espectacular".