Luz verde de Ourense a 600.000 € para as luces de Nadal


A xunta de goberno local do Concello de Ourense aprobou o expediente para contratar a iluminación das próximas festas do Nadal da capital 2022-2023.

O Concello destinará unha achega de 599.000 euros para engalanar as rúas e prazas da cidade durante as celebracións, unha contía que medra en máis de 200.000 euros fronte a anos anteriores, co obxectivo de chegar a máis espazos ca nunca e aumentar de forma importante o número de elementos ornamentais e a súa espectacularidade.

Tamén persigue o goberno municipal aproveitar a chegada da alta velocidade ferroviaria, e que a iluminación artística contribúa a converter a cidade nun potente destino turístico durante estas datas, de forma que Ourense, na súa condición de parada final do AVE, sexa unha visita obrigada en Nadal. As luces acenderanse o día 2 de decembro.

Na mesma sesión, aprobáronse un total de 21 asuntos presentados polas diferentes áreas e servizos municipais.