A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, anunciou que recorrerá aos fondos europeos Next Generation para impulsar, dende o Concello de Lugo, un ambicioso proxecto baseado na enograstronomía, por ser esta un factor prioritario este ano nas políticas turísticas dos Gobernos central e autonómico, ao abeiro do Plan Estatal de Recuperación, Transformación e Resiliencia.
“A nosa cidade é un destino que basou o seu crecemento en tres piares esenciais que tamén teñen contribuído a posicionala: a historia, que ten a súa pegada máis recoñecida nos tres Bens Mundiais que posuímos (a Muralla, a Catedral e o Camiño Primitivo), a gastronomía que xa se identifica no afamado lema “E para comer, Lugo”, co que se puxo en valor tanto a calidade da materia prima como a da súa elaboración, e a natureza, xa que nos atopamos integrados na Reserva da Biosfera Terras do Miño”, explicou.
“O obxectivo é alcanzar segmentos de visitantes que valoren ese bo comer que nos caracteriza como un elemento motivador da viaxe, ofrecendo reclamos patrimoniais e paisaxísticos, e que esa tríade sexa o fundamento do modelo de turismo sostible e de calidade que nos defina nos vindeiros anos”, afirmou a rexedora.
Lara Méndez avanzou tamén que, dentro dos eixes previstos na convocatoria dos Fondos Europeos e encamiñados a favorecer a transición verde, o Goberno local pretende recuperar na ribeira do Miño o edificio da Fábrica da Luz como un centro de enogastronomía.
“A intervención se encadrará na envolvente do inmoble e na utilización de elementos pasivos para adaptar a construción ao cambio climático, que posteriormente poderá ser xestionada a través dunha colaboración público – privada”, sinalou.
Do mesmo xeito, dáraselle pulo aos produtos de proximidade, con actuacións de obtención de recursos en entornos locais e contará, igualmente, cunha vertente expositiva, como sempre mantivemos, dentro da cal terá moito protagonismo o percorrido histórico da contorna”, revelou a alcaldesa.
Méndez desgranou que o proxecto contemplará outras accións vencelladas á eficiencia enerxética coas que se pretende fomentar o uso da mobilidade eléctrica, establecer sinerxías con pemes do sector turístico e mesmo ofrecerlles formación e asesoramento, ao tempo que progresamos en termos de transición dixital, incorporando novidosas ferramentas de acceso a contidos informativos nas que terán cabida outros proxectos xa iniciados como a divulgación das sendas peonís coas que conta o municipio”, relatou. “E todo iso, en prol de incrementar a nosa competitividade e en consonancia coas esixencias do Plan de Sostibilidade Turística en Destinos”.
A este respecto, a rexedora trasladou, alén, de que o Concello activará un proceso de participación cidadá, tal e como se comprometera, para recoller o sentir da veciñanza lucense e do tecido asociativo, coa intención de avaliar as súas suxestións para perfilar a proposta definitiva coa que a Administración local concorrerá a estas axudas.
“As persoas ou entidades interesadas en participar poden acceder a este cuestionario a través da páxina web municipal para trasladarnos as súas opinións. Suxestións que recolleremos e que serán estudadas para analizar a súa viabilidade, agradecendo de antemán a súa colaboración”, sostivo Lara Méndez.
A alcaldesa lucense adiantou que o Concello creará, asemade, unha mesa de diálogo cos axentes sociais do municipio, con algún dos cales a propia rexedora leva xa tempo abordando os posibles usos e utilidades da Fábrica da Luz, “coa vontade de acadar un gran consenso entorno á iniciativa”, concluíu.