Lebaniego, extremeño, pote asturiano e o de Lalín no Festival Gastronómico Cocidos do Camiño

A vindeira semana, a capital do Deza volverá ser escenario dun encontro moi especial. O Festival Gastronómico Cocidos do Camiño celebrará unha nova edición os días 13 e 14 de maio no Campo da Feira de Lalín cunha proposta moi especial, gozar dunha experiencia completa ao redor dun prato tan venerado como o cocido. 

O Camiño de Santiago constitúe na actualidade a maior rede cultural á hora de promover calquera singularidade que se atope nalgún punto do seu percorrido. O Festival Gastronómico Cocidos do Camiño ten como finalidade facer converxer en Galicia, concretamente en Lalín, a través dun nexo como é o cocido, a diversas localidades que contan con este prato como estandarte da súa tradición culinaria. 

Así, o Cocido Lebaniego será levado a cabo por Montse Prellezo do Restaurante Remoña, en Cantabria. Julián Hurtado do Restaurante El Chozo Extremeño, Badajoz presentará o seu mellor Cocido Extremeño, e aos fogóns de preparación do Pote Asturiano estará Cristina Rey de La Gitana GastroBar en Gijón. O cocido galego terá como representante, por suposto, a unha chef lalinense, Cecilia Sanmartín de Casa San Martín.

Lalín actuará como marco da celebración pola súa singularidade. É un fito nos camiños, pero tamén un lugar de encontro de xentes, de culturas e de sensibilidades gastronómicas, de produtos e de tendencias... Un lugar aberto ao mundo, de intercambio entre o atlántico e o mediterráneo, a un paso de Compostela e no corazón de Galicia. E é, ademais, localidade capital do cocido galego -pois a  Feira  do Cocido de Lalín conta coa catalogación de Festa de Interese Turístico Internacional-; por todo o anterior, o Festival Gastronómico Cocidos do Camiño atopa en Lalín algo que vai moito máis alá do seu espazo de celebración; a súa razón de ser. 

Así o celebrou esta mañá Begoña Blanco, concelleira de Cultura na presentación que tivo lugar no Centro Comercial As Cancelas, “que catro dos Cocidos máis importantes se vaian a reunir en Lalín, un dos cruces de camiños das vías xacobeas na que se xunguen a Vía da Prata e o Camiño de Inverno“. Unha presentación na que tamén se contou coa participación de Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística que salientou “a importancia que a promoción da lingua e da cultura galega ten a nosa gastronomía e as súas festas” e onde houbo espazo para saborear unha tapa elaborada no momento con cocido de Lalín polo chef Alberto Currás, de Casa Currás. Unha “churribóndiga”, albóndiga feita con carne de cocido e rebozada como unha croqueta frita, acompañada de grelos tradicionais, espuma de pataca, chourizo ceboleiro e pan de Lalín.

“O Festival Gastronómico Cocidos do Camiño propón un formato de gastronomía inmersiva. Os asistentes poderán gozar de diversas elaboracións desenvolvidas por cociñeiros e restaurantes de diferentes puntos do panorama nacional que teñen presenza no Camiño de Santiago. Cociñarán de maneira simultánea os seus diferentes cocidos, os cales serán degustados polos asistentes nunha experiencia gourmet de primeiro nivel”, destacou Carlos Montilla, director de I-Radia Crea, organizadora deste evento.

Co Festival Gastronómico Cocidos do Camiño, Lalín conecta a súa gastronomía culinaria con outras localizacións do camiño. Co cocido como nexo común e reclamo principal para todos os asistentes, pero non o único, pois o festival tamén contará cunha proposta musical de primeiro nivel achegando artistas dos territorios anteriormente mencionados. O escenario estará integrado na experiencia gastronómica, para completala, nun espazo único e exclusivo que se desenvolverá durante as tres xornadas. Os horarios do evento, de entrada libre ata completar aforo, serán o venres de 19.30 horas a 01.00 horas e sábado de 12.30 horas a 16.00 horas e de 19.30 horas a 01.00 horas.

Así, os asistentes poderán gozar dos concertos de Maluks e Baiuca o venres 13, ademais dunha sesión DJ. O sábado 14, a proposta dividirase en dúas sesións; ao mediodía, coas actuacións das As Pandereteiras A Carballeira de Cercio e Eladio y los Seres Queridos, e na sesión da tarde noite chegará o prato forte -no que ao plano musical se refire- con Atmósfera 0 e Club del Río e a actuación de Tanxugueiras. O peche no Campo da feira tamén correrá a cargo dun DJ.