Lara Méndez promociona Lugo entre o empresariado luso galaico


A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, participou nun novo encontro con medio cento de empresarios galegos e do Norte de Portugal para impulsar a creación de sinerxías entre o tecido produtivo e as institucións públicas.

Trátase da segunda xuntanza que a rexedora lucense mantén co empresariado luso - galaico nas últimas semanas, unha cita que contou coa presenza das Universidades e que serviu como punto de encontro para propiciar a creación de relacións colaborativas co fin de incrementar as fortalezas comúns e a competitividade da Eurorrexión, o que pode incluír a concorrencia conxunta aos fondos europeos con proxectos comúns.

As persoas asistentes aproveitaron, alén, para reivindicar o avance en materia de infraestruturas tanto na comunidade co Norte de Portugal, como entrámbalas dúas e co resto de Europa así como para poñer en valor a necesidade de apostar pola investigación dende a colaboración público – privada.

Méndez aproveitou, igualmente, para difundir o calado da iniciativa municipal Lugo Transforma - coa que se pretende cambiar o modelo produtivo local - e captar, así, interese inversor.

Esta Estratexia de Recuperación Económica, baseada nun fondo de capital de risco, disporá do maior investimento realizado pola Administración local na historia da cidade. “Doce millóns de euros cos que queremos pular pola diversificación e atraer novos negocios pero, sobre todo, crear emprego de calidade en sectores que son estratéxicos para nós polo seu alto impacto social e medio ambiental, en consonancia coa marca coa que xa se identifica a Lugo, dentro e fóra de Galicia: a sostibilidade, a economía verde e circular”, destacou a alcaldesa.

A reunión empresarial tivo lugar posteriormente ao acto de irmandamento celebrado no Pazo de Raxoi entre os Concellos de Santiago e Braga e ao que a rexedora asistiu en calidade non só de alcaldesa de Lugo, senón tamén como primeira mandataria do Eixo Atlántico.