Jácome agradece a publicidade para Ourense do film '13 exorcismos'


O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, visitou o set de rodaxe da película “13 exorcismos”, que durante estes días se filma en diferentes localizacións da cidade. Alí mantivo un encontro co seu director, Jacobo Martínez, ao que trasladou o apoio do Concello a esta iniciativa e agradeceu a aposta pola cidade para este proxecto: “É unha marabilla que esta película se rode aquí, porque supón publicidade para Ourense e dalle vida á cidade”, asegurou.

Trece exorcismos é o novo proxecto de Mr fields & Friends, Bambú Producciones e AtresMedia Cine; unha película de terror baseada no último caso documentado dun exorcismo realizado por un sacerdote da igrexa católica no noso país.

Durante estes días ródase en diferentes localizacións, como a igrexa dos Franciscanos, o barrio da Milagrosa ou, proximamente o barrio da Ponte, xunto ao CEIP de Prácticas. A cidade tamén foi escenario recentemente da rodaxe de “O home e o can”, de Ángel de la Cruz e Ézaro Films, protagonizada por Manuel Manquiña e o será proximamente de “Amigos hasta la muerte”, o novo proxecto do director actor e guionista galego, Javier Veiga, adaptación ao cine da exitosa obra de teatro do mesmo director.