III Seminario de Intercambio de Experiencias Turísticas en Lugo


A Deputación de Lugo é a anfitrioa do III Seminario de Intercambio de Experiencias Turísticas, un encontro promovido polo Eixo Atlántico que se celebra ata mañá para favorecer o impulso deste sector en Galicia e no norte de Portugal.

A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, deulle a benvida este xoves no Mazo de Santa Comba aos 60 participantes no encontro, que logo coñeceron o Centro de Interpretación da Reserva da Biosfera Terras do Miño e o centro histórico da cidade. 

A programación continuará mañá no Salón de Actos do Pazo de San Marcos coas mesas redondas Turismo de autor e de fronteira e O Turismo de sempre dunha forma distinta.

García Porto destacou a importancia de acoller esta iniciativa que “permitirá impulsar un sector tan importante para a economía e o emprego como é o turismo, sobre todo desde un modelo de calidade e sostible, que deixa valor no territorio”.