Hostalería do Salnés promociónase cun showcooking e unha cata de aceites


O obradoiro de emprego “Hostalería do Salnés XIII”, promovido pola Mancomunidade do Salnés e subvencionado pola Consellería de Emprego e Igualdade, está organizando unha semana chea de actividades.  Para a primeira delas o obradoiro trasladarase á praza de abastos de Portonovo onde, en colaboración con FEPRAGAL (Federación  de Prazas de Abastos de Galicia) e o Concello de Sanxenxo, o xoves 12 de maio, ás 12:00 h, levará a cabo un showcooking con produtos do mercado. 

O obxectivo é promocionar os alimentos que se poden atopar nas nosas prazas. A entrada é de balde e todas aquelas persoas que asistan poderán ver como o alumnado de Cociña e de Restaurante-bar elabora en directo distintas propostas gastronómicas nas que os produtos frescos son os protagonistas. Posteriormente, farase unha degustación dos pratos e bebidas preparadas. 

A segunda das actividades desta semana vai ter lugar nas instalacións do obradoiro, no Real Club Náutico de Sanxenxo. Aquí, o venres día 13 de maio, ás 11:00 h terá lugar unha cata - degustación de aceite de oliva virxe extra (AOVE) na que participaránS ergio Lis, director xeral de Aceites Lis, Christian Dieste, director de Olivaria e Aceites Lágrimas de Medina Albaida eR osario Andrade Detrell, directora xeral de Pazo Pegullal (El Olivar d´Pegullal)

Posterior á cata de aceites, as persoas asistentes poderán degustar distintas elaboracións feitas con AOVE polo alumnado de Cociña e todo maridado con bebidas preparadas polo alumnado de Restaurante-bar, quen ademais ofrecerá o servizo de mesa e fará a decoración e montaxe para o evento.

Para esta xornada gratuíta as prazas son limitadas, polo que as persoas interesadas deberán reservar a súa praza antes do xoves 12 ás 12:00 h. O número de teléfono para a reserva é o 658 989 002 ou no correo electrónico hostaleria@osalnes.com

Quedamos a súa disposición para ampliar a información e cesión de imaxe se as consideran precisas.