Guitiriz celebra este sábado a Festa da Torta de Millo


O concello lugués de Guitiriz acolle quinta edición da Festa da Torta de Millo, que se celebra o próximo sábado 28 de maio. A presentación tivo lugar esta mañán na Deputación de Luog coa participación do deputado de Participación Cidadá, Roberto García Pernas, xunto á alcaldesa, Marisol Morandeira, e concelleiros e concelleiras do municipio chairego.

A institución provincial achega a esta cita gastronómica, que se recupera tras dous anos de parón pola crise sanitaria, 21.541 euros a través do Plan Único 2022 para a organización das distintas iniciativas que se levarán a cabo durante a xornada.

A Festa da Torta de Millo repartirá unhas 1.000 racións e completará o programa con actuacións de agrupacións locais, unha mostra de artesanía e un obradoiro para os máis pequenos vencellado ao produto estrela do concello. Pola noite será Sés quen poña o broche musical a esta cita que, por primeira vez, se celebra no mes de maio.

Roberto García animou á veciñanza da provincia a “achegarse á Festa da Torta de Guitiriz, degustar este doce e participar nas numerosas actividades que o Concello nos ten preparadas, así como coñecer todo o seu patrimonio natural, cultural, monumental e, por suposto, gastronómico”.