Galicia promove a dieta de produtos do mar como factor de lonxevidade


A conselleira do Mar, Rosa Quintana, defendeu este xoves en Vigo as vantaxes sanitarias e sociais que aporta incluír produtos do mar na dieta. “A poboación galega forma parte da elite mundial da lonxevidade e iso debémosllo á nosa magnífica xenética, pero tamén á nosa excelente alimentación, cuxo eixo son os produtos do mar”, sinalou durante o congreso Pescado, fonte de alimentación saudable, organizado por Interfish-España.

Así, a titular de Mar fixo referencia a que Galicia ostenta o segundo posto como a poboación máis lonxeva de España e relacionou este feito con que o peixe sexa un dos alimentos fundamentais desde a infancia entre as galegas e os galegos. Por iso celebrou que se elixise a Comunidade para celebrar este congreso ao tratarse dunha “voz lexitimada” para reivindicar o papel do peixe na dieta como alimento esencial.

A responsable autonómica sinalou a importancia de concienciar e promover hábitos de vida saudables, uns obxectivos para os que a Xunta leva traballando desde fai anos a través de diferentes programas educativos e campañas de divulgación coas que fomentar a cultura alimenticia de Galicia entre os máis pequenos e a xente nova, a xeración millennial. Desde o 2010, o Goberno achegou a máis de 160.000 nenas e nenos os beneficios de consumir produtos do mar frescos ou en conserva.

Quintana incidiu na necesidade de formar á cidadanía no coñecemento, valores e actitude necesarias para poder realizar as eleccións alimentarias saudables como consumidores responsables. Unhas accións, explicou, que tamén contribúen a recoñecer o labor dun sector que resulta fundamental para Galicia como é o marítimo-pesqueiro e que foi declarado como esencial durante a alerta da covid-19.

O Executivo quixo recoñecer este papel fundamental a través da campaña Merca produto fresco do mar. Estamos no mesmo barco e devolverlle ao sector todo o que fixo pola cidadanía para que non faltasen recursos do mar nas mesas. “Debíamos agradecerlle ao sector extractivo o seu esforzo”, apuntou a conselleira, ao mesmo tempo que fixo referencia a Galicia sabe amar, que dá continuidade ás anteriores campañas e coa que a Xunta pretende seguir poñendo en valor que consumir produtos pesqueiros non favorece só á saúde senón tamén a asentar que a súa compra supón unha decisión intelixente.

Este congreso está organizado por Interfish-España co obxectivo de que expertos do sector pesqueiro, da comunicación, das administracións públicas e da saúde expoñan e debatan sobre os beneficios que aporta o consumo de produtos da pesca para o desenvolvemento físico e cognitivo das persoas, especialmente os máis mozos.

Interfish-España, que agrupa á Organización de Palangreros Guardeses, Organización de Produtores de Pesca do Porto e Ría de Marín, a Organización de Produtores Pesqueiros do Porto de Burela e Conxemar, naceu ante a necesidade de integrar a produción e transformación das especies que capturan para facilitar a súa competitividade e crear sinerxías que permitan promocionar a saúde a través dos produtos pesqueiros.