Fernando Valdés escolle Pontevedra para celebrar o Día Internacional do Turismo




O Secretario de Estado de Turismo, Fernando Valdés, celebrará na provincia de Pontevedra o próximo 27 de setembro o Día Internacional do Turismo e participará nos actos que a Deputación xa está a ultimar coa realización dunha ambiciosa xornada que abordará, da man de recoñecidas persoas expertas, os retos da sostibilidade e a dixitalización, e tamén coincidirá co arranque da nova edición da aceleradora provincial de turismo. Así o confirmou o propio Valdés á presidenta da Deputación, Carmela Silva, no encontro mantido esta mañá en Madrid, unha reunión “moi frutífera” na que a presidenta presentou ao Secretario de Estado a estratexia provincial para este período 2022-2024, e con quen concordou na “oportunidade histórica” que, tamén para o turismo, están a supoñer as convocatorias dos Next Generation.

No encontro na sede da Secretaría de Estado, Carmela Silva e Fernando Valdés repasaron todos os proxectos nos que traballa a Deputación, financiados polo Goberno de España a través dos fondos europeos e fondos propios, así como as novas accións que se van a implantar no modelo turístico de Rías Baixas que, co traballo destes anos, tense convertido no principal destino de Galicia e un dos top de todo o Estado. O modelo da provincia para ser destino intelixente e dixitalizado, coa incorporación das últimas tecnoloxías para dar resposta ás novas demandas das persoas que a visitan, concorda precisamente coas liñas do Plan de Recuperación do Goberno de España e incide, tamén, nos parámetros que esixen os fondos europeos para poder optar a financiación.

Entre as accións deseñadas pola Deputación para os dous próximos anos, Fernando Valdés mostrou un enorme interese polo proxecto do Tourist Inside, que se está executando para avanzar e enriquecer a transformación dixital da provincia como Destino Turístico Intelixente e adherido á Rede DTI. O proxecto xa está a ter resultados e de feito este mesmo verán a provincia de Pontevedra disporá da primeira praia intelixente, a de Praia América en Nigrán, amais da dixitalización das Oficinas Turísticas da Rede Info Rías Baixas coa instalación de 350 sinais turísticas dixitais que nalgúns casos tamén estarán en emprazamentos de especial interese.

Igualmente, estase a implementar o Big Data para a toma de decisións que permitan mellorar a oferta turística e unha plataforma de interoperabilidade con ferramentas dixitais dirixidas ao sector empresarial. Por outra banda, o Pazo das Mendoza converterase no próximo outono nun Welcome Center, un centro de benvida intelixente con mesas interactivas e realidade inmersiva que mergullará ás persoas visitantes nun Pazo do século XIX.

Na reunión, o Secretario de Estado trasladou outra “excelente noticia” á presidenta da Deputación. Fernando Valdés confirmou que, se ben a publicación definitiva do Plan Xacobeo está pendente da modificación do Real Decreto para a incorporación do IVA como gasto elixible, o destino Rías Baixas pode comezar a execución do Plan dado que si se admitirán os gastos xerados desde 2021. Con esta confirmación, a institución provincial poderá cumprir con todas as actuacións previstas no cronograma deste ano 2022, entre elas un potente plan de comunicación para a promoción do Camiño Miñoto-Ribeiro e o da Geira-Arrieiros, ou a redacción dos proxectos para a actuacións no Campo do Medio de Sabucedo e a eliminación de puntos negros na Vía da Prata.

O Secretario de Estado tamén cuantificou os recursos mobilizados polo Goberno de España para desenvolvemento turístico en Galicia, que ascenden a 91,6 millóns de euros, e que no caso da provincia de Pontevedra supoñen 24,1 millóns de euros que están a garantir actuacións en concellos e comarcas. Carmela Silva puxo en valor “o efecto dinamizador que están a supor estes investimentos no noso territorio e máis, dixo a presidenta, cando o Goberno de España é a única administración en exclusiva que está a achegar recursos á provincia. Polo contrario, sinalou, a pesar de ser o principal destino turístico de Galicia non temos recibido un só euro da Xunta quen, por outra parte, segue tamén sen dar resposta algunha ás nosas chamadas para ter reunións e contactos e poder traballar de forma coordinada. É incomprensible”.