Este 2022 vai ser o ano para “recuperar os sorrisos e o gran formato” nos Rías Baixas Fest, os sete festivais da marca da Deputación que posicionan a Pontevedra Provincia a nivel nacional e internacional como destino singular e que encherán o territorio do 2 de xuño ao 11 de setembro de música, gastronomía, deporte urbano, sostibilidade, igualdade e, por suposto, de talento.
Nun acto celebrado baixo o magnolio do xardín do Pazo Provincial, a presidenta Carmela Silva e os e as representantes das promotoras dos festivais e representantes municipais dos concellos onde se celebrarán os eventos, deron o pistoletazo de saída aos Rías Baixas Fest, que engloban o PortAmérica, Atlantic Fest, Vive Nigrán, Sinsal, Sonrías Baixas, O Marisquiño e Revenidas. A presentación estivo amenizada coa actuación de Carolina Rubirosa, que interpretou o tema “O teu camiñar”, co que esta semana representará a Galicia no Festival Internacional Liet de Dinamarca.
Os Rías Baixas Fest arrancarán co PortAmérica que se celebrará do 2 ao 4 de xuño en Portas e Caldas, a cuxos alcaldes tamén fixo un recoñecemento a presidenta “por seren capaces de aunar o interese dun territorio por riba do local e traballar conxuntamente para que este festival puidera seguir crecendo desta forma exponencial”. O calendario seguirá en xullo, onde do 15 ao 17 se celebrarán o Atlantic Fest (Vilagarcía) e o Vive Nigrán, e do 22 ao 24 o Sinsal na illa de San Simón. Agosto comezará co Sonrías Baixas (Bueu), que se celebra do día 4 ao 6, mentres que do 12 ao 14 será a quenda do Marisquiño de Vigo. Por último, do 7 a o 11 de setembro terá lugar Revenidas en Vilaxoán (Vilagarcía). Todos con carteis espectaculares. “Como a xente non se apure –lembrou Carmela Silva- van quedar fóra e non van poder participar destes marabillosos festivais que son un orgullo”.