Esgotadas en media hora as prazas da ruta dos Bosques Tarapéuticos en Tambo


A ruta para desfrutar dos baños de bosque na Illa de Tambo o 18 de xuño ten sido a primeira en cubrir as súas prazas na nova e terceira edición do programa Bosques Terapéuticos da Deputación de Pontevedra.

A expectación por coñecer a natureza desta singular paraxe da ría pontevedresa foi tal que no primeiro día do prazo de inscrición, o aforo para participar nesta ruta completouse en apenas media hora e xa está pechada a lista de agarda.

Tambo é un dos sete espazos naturais da provincia nos que desde o 4 de xuño ata o 25 de setembro se desenvolverá o programa Bosques Terapéuticos, e a Deputación sufragará o transporte marítimo ata a Illa.

As outras paraxes son os Salóns do Lérez (Pontevedra), o espazo do Río Eifonso en Bembrive (Vigo), a Illa de Arousa, a Ruta da Pedra e da Auga (Meis), a Ponte Colgante do Lérez (Cerdedo-Cotobade e Campo Lameiro) e a Senda do Almofrei (Cerdedo-Cotobade).

En conxunto, serán un total de 38 as rutas ofrecidas, con 570 prazas. Nesta terceira edición, ao igual que o pasado ano, as inscricións ábrense de mes en mes e, deste xeito, está aberto o prazo para solicitar a participación nas restantes sete rutas previstas para o vindeiro xuño ata dous días antes da celebración de cada unha. As persoas interesadas poden anotarse a través formulario dispoñible na web provincial www.depo.gal.

En xuño, os baños de bosque comezarán o día 4 coa Ruta da Pedra e da Auga (Meis) e continuarán o 5 coa dos Salóns do Lérez (Pontevedra). Posteriormente, o día 11 celebrarase o roteiro polo Río Eifonso (Vigo) e o día 12 o da Senda do Almofrei (Cerdedo-Cotobade). Despois da cita en Tambo, percorreranse os Bosques Terapéuticos na Illa de Arousa os días 19 e 25 e, por último, a contorna da Ponte Colgante do Lérez (Cerdedo-Cotobade e Campo Lameiro) será escenario da ruta do día 26.