Esgotadas as prazas para as rutas ás Maceiras en Flor da Deputación de Pontevedra


Ao igual que acontecera nas súas pasadas edicións, as rutas ás Maceiras en Flor, a iniciativa turística experiencial única e que converte a Pontevedra Provincia nun destino singular, veñen referendar a súa gran demanda cun espectacular éxito de participación. Deste xeito, en dous días esgotáronse xa as prazas dos catro roteiros previstos os días 14 e 15 de maio e hai tamén lista de agarda para o caso en que se produzan baixas.

Serán, como apuntou hai uns días a presidenta Carmela Silva, visitas para desfrutar “e activar todos os sentidos”, nas que amais de contemplar o espectáculo de cor e olor das maceiras, as persoas visitantes poderán coñecer máis a fondo a transformación deste produto 100% ecolóxico en catro sidrerías locais, onde terá unha cata degustación.

Así, cada unha das catro rutas previstas toma o nome das sidrerías existentes en distintos puntos da Ruta da Sidra da Estrada: O día 14 celebraranse as de Ribela (situada no lugar do mesmo nome) e Camino (en Moreira), a primeira pola mañá e a segunda pola tarde. E o día 15 será a quenda da Ruta Rabiosa (coa sidrería situada en Pardemarín) pola mañá e a A Peroja (na aldea de Agar) pola tarde. No caso da plantación, que se visitará de xeito previo, será a de Vilar, en Callobre, lugar onde tamén as persoas participantes poderán observar a espectacular sobreira de Valiñas, situada a escasos metros e que ronda os 300 anos de antigüidade.