Degustación e festa como nos 50 este sábado na Illa das Esculturas


Pontevedra prepárase para desfrutar como o facían as avoas e os avós na romaría dos anos 50 que este sábado celebrará na Illa das Esculturas entre as doce da mañán e as doce da noite.

O Avoa Fest, impulsado pola Concellería de Promoción Económica e Turismo no marco do proxecto Pontevedra Capital Gastro, convída deste xeito a viaxar ao pasado nun evento no que, ademais dunha morea de postos de degustación de cociña tradicional da man de diferentes restaurantes do municipio, haberá alborada, música e animación da época, campionatos de dominó e tute por parellas, un curso para aprender a bailar ‘ajarrados’, xogos tradicionais e unha verbena á noitiña.

Coa finalidade de promocionalo entre a cidadanía, un Seat 600 especialmente ‘tuneado’ para a ocasión percorreu este venres as rúas de Pontevedra anunciando esta segunda edición do festival gastronómico dedicado aos maiores. Tal e como anunciou a concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco, “tanto unha servidora como o meu compañeiro Iván Puentes, concelleiro de Desenvolvemento Sostible, chegaremos mañá ás 12:30 horas á Illa das Esculturas a bordo deste 600 para inaugurar esta xornada de festa e degustación, por suposto ataviados ao estilo dos anos 50”.

Blanco, que estivo hoxe acompañada polo concelleiro de Benestar Social, Marcos Rey, lembrou que o programa de actividades porase en marcha ás doce coa apertura dos postos de comida e bebida que participarán na feira gastronómica de cociña tradicional, unha alborada e actuación da asociación cultural Vides Novas e o inicio dos xogos tradicionais a cargo das diferentes asociacións de veciños de Pontevedra, que estarán apoiadas polos rapaces e rapazas da agrupación deportiva HQR! Arredor da unha terá lugar unha actuación do grupo de gaitas Os Alegres e xa pola tarde, a partir das cinco, darán comezo os campionatos de dominó e tute por parellas (a inscrición poderá realizarse pola mañá na propia romaría). A partir de media tarde, o Avoa Fest animará aos presentes a mover o esqueleto, primeiro co curso para aprender a bailar ‘ajarrados’ e cunha actuación de Take It Easy, e chegada a noitiña, desde ás dez, cunha verbena na que actuarán Randeeira, Chisto e Cascarillas.

Os postos de cociña que poderán atoparse os pontevedreses no Avoa Fest son os seguintes: Casa Digna, ameixa á mariñeira; A Fervella, carne ao caldeiro; A Ponte do Marcón, churrasco; Casa Cochón, orella; El Maño, embutidos e choripán;Mipa, pan e empanadas; e Pulpeiro de O Carballiño, pulpo á feira