`Degusta Europa´ fixo parada no mercado de Pontevedra


República Checa, Países Baixos, Bélxica e Irlanda estiveron moi presentes esta mañá no mercado municipal de Pontevedra. Fixérono a través das propostas gastronómicas do programa “Degusta Europa” da Deputación de Pontevedra que elaborou o alumnado do CIFP Carlos Oroza, baseadas en pratos típicos deses países reinventados con produtos de quilómetro cero. Á cita coa gastronomía europea, que recala en Pontevedra despois de pasar polo Grove e Mondariz, asistiron, ademais de numerosos veciños e veciñas da cidade, as e os deputados Raquel Giráldez, Gregorio Agís e Manuel González, ademais da concelleira Yoya Blanco e o concelleiro Iván Puentes.

Desta maneira, tiveron a oportunidade de degustar elaboracións como a sopa de Goulash de tenreira con pan de manteiga, un guiso típico da República Checha; o maatjesharing dos Países Baixos, feito con arengue mariñado, e as moules frites, os mexillóns típicos de Bélxica servidos con patacas fritidas. Para beber, os e as alumnas do CIFP Carlos Oroza elaboraron un cóctel Black Velvet, moi propio de Irlanda e elaborado con cervexa negra e sidra, ámbalas dúas bebidas de orixe galego.

O periplo de “Degusta Europa” polos mercados da provincia de Pontevedra continuará o próximo martes, 24 de maio, en Gondomar. As dúas últimas citas serán no mercado do Progreso de Vigo (26 de maio) e na Guarda (31 de maio). Todas as degustacións terán lugar ás 11.00 horas e, neste caso, será o alumnado do CIFP Manuel Antonio de Vigo quen se encargará de elaborar as propostas gastronómicas.