Compromiso e apoio da Deputación da Coruña coa Festa do Melindre de Melide


O deputado de Promoción Económica, Blas García, reafirmou o compromiso e apoio da Deputación da Coruña coa Festa do Melindre de Melide. Neste sentido, García lembrou que o ente provincial colabora con infinidade de festas gastronómicas, "especialmente con aquelas que poñen en valor os produtos con selo artesán, como a de Melide". Como explicou o deputado, a trinta edición da festa confirma "a importancia e a calidade deste evento, non só en Melide, senón tamén en toda a comarca".

A celebración, que tivo lugar esta fin de semana, incluíu a degustación deste doce, pero tamén a organización de showcookings, maridaxes e obradoiros para os nenos e nenas.

A maiores, a trinta edición contou coa presenza dos seguintes cociñeiros, que foron bautizados como Embaixadores do Melindre: Pedro Coego, José Mouriño, Román Varela, Pablo Laya, Daniel Quintás, Manuel Garea, Kike Piñeiro e Eloy Cancela. Blas García aproveitou a ocasión para sinalar o compromiso da Deputación coas pequenas empresas e autónomos coa posta en marcha das axudas PEL, en colaboración cos Concellos.