Choiva de recoñecementos para os viños de Valdeorras


Os viños de Valdeorras seguen a gañar premios e recoñecementos en diferentes foros e convocatorias de renome, o que segundo asegura José Luis García Pando, presidente do Consello Regulador, “é un indicador clave de que o sector vitivinícola valdeorrés está a facer un bo traballo”. Así, diferentes referencias amparadas baixo o selo de calidade da D.O. foron distinguidas esta semana nos Premios Bacchus; nos Premios de Vinespaña e no Challenge International du Vin.

Así, nos prestixiosos Premios Bacchus, foron recoñecidas catro referencias de cadansúa adega da comarca na categoría “ouro”: A Coroa de Adega A Coroa S.A.T; Joaquín Rebolledo Finca Trasdairelas de Joaquín Rebolledo S.A.; O Luar do Sil Vides de Córgomo de Pago de los Capellanes S.A. e Fardelas de Santa Marta S.A.T.

Por outra banda, nesta mesma convocatoria de premios e na categoría de “prata” reultaron premiadas cinco referencias valdeorresas. En concreto, foron Agoreira de Adegas Terrae S.L.; Guitián sobre Lías de Bodegas La Tapada S.A.T.; O Luar do Sil Godello sobre Lías de Pago de los Capellanes S.A.; Codos de Loranco de Viña Costeira SCG e Neno de Viña Somoza Bodegas e Viñedos S.L.

Tamén nesta semana, nos Premios Vinespaña 2022 outorgados pola Federación Española de Enoloxía (FEAE) distinguíronse con “ouro” Hacienda Ucediños Godello de Hacienda Ucediños S.L.; Joaquín Rebolledo Godello de Joaquín Rebolledo S.A.; Viñaredo Godello de Bodegas Santa Marta e Godeval de Bodegas Godeval. Na categoría de “prata” foron recoñecidas as referencias Quinta da Peza Godello de Quinta da Peza S.L. e Viñaredo Sousón de Bodegas Santa Marta.

Finalmente, a semana triunfal dos viños valdeorreses completouse cun recoñecemento no Challenge International du Vin que distinguiu cunha medalla de ouro ao Mil Ríos Godello Barrica 2017 de Adega Terriña.