Chega o II Avoa Fest a Pontevedra cunha romaría tradicional na Illa das Esculturas


O II Avoa Fest, impulsado pola Concellería de Promoción Económica e Turismo do Concello de Pontevedra, pechará maio cunha romaría dos anos 50 na que, ademais dunha morea de postos de degustación de cociña tradicional, haberá alborada, música e animación da época, campionatos de dominó e tute por parellas, un curso para aprender a bailar ‘ajarrados’, xogos tradicionais e, por suposto, unha verbena á noitiña.

Unha nostálxica programación que se desenvolverá na xornada do sábado 28 de maio, entre as 12:00 e as 00:00 horas, no privilexiado escenario natural da Illa das Esculturas. “Un día enteiro de festa, de romaría, da mañá á noite, desas que se celebraban antes e que tamén forman parte do noso acervo cultural e etnográfico. Convidamos a tódolos pontevedreses e pontevedresas a vestir de época, dos anos 50, e a viaxar ao pasado para desfrutar do Avoa Fest”, explicou a edil de Promoción Económica, Yoya Blanco, durante o acto de presentación do festival.

"O programa de actividades inaugurarase ás 12:00 horas coa apertura dos postos de comida e bebida que participarán na feira gastronómica de cociña tradicional, unha alborada e actuación da asociación cultural Vides Novas e o inicio dos xogos tradicionais a cargo das diferentes asociacións de veciños de Pontevedra, que estarán apoiadas polos rapaces e rapazas da agrupación deportiva HQR!”. “Os postos de cociña deste Avoa Fest -indicou Yoya Blanco- foron ofertados á hostalería e empresas de alimentación da cidade, coa finalidade de impulsar, promover e poñer en valor a cociña tradicional e o seu tratamento por parte dos hostaleiros de Pontevedra. Cada establecemento participante disporá dun espazo con cociña e ofrecerá dúas elaboracións, unha delas como receita principal”, precisou Yoya Blanco.

A relación de postos é a seguinte:Casa Digna: ameixa á mariñeira; A Fervella: carne ao caldeiro; A Ponte do Marcón: churrasco; Casa Cochón: orella; El Maño: embutidos e choripán; Mipa: pan e empanadas; Pulpeiro de O Carballiño: pulpo á feira.

Arredor das 13:00 horas terá lugar unha actuación do grupo de gaitas Os Alegres e xa pola tarde, a partir das 17:00 horas, darán comezo os campionatos de dominó e tute por parellas (a inscrición poderá realizarse pola mañá na propia romaría) e os asistentes ao festival desfrutarán dun espectáculo de animación musical no que poderán escoitar ‘O que escoitaban as avoas e os avós’. “A partir de media tarde, o Avoa Fest animará aos presentes a mover o esqueleto, primeiro co curso para aprender a bailar ‘ajarrados’, e chegada a noitiña, desde ás 22:00 horas, con algo tan galego como unha verbena que se prolongará ata medianoite e que lle porá a guinda a esta romaría dos anos 50”, asegurou Yoya Blanco.

Para a concelleira de Promoción Económica, “este atractivo programa consolida ao Avoa Fest como un piar esencial do proxecto Pontevedra Capital Gastro e, polo tanto, da candidatura presentada pola nosa cidade para converterse en Capital Española da Gastronomía (CEG) 2023”. “Ímolo pasar moi ben -afirmou Blanco- e estou segura de que esta romaría se vai repetir en vindeiros anos”.