Baltar puxo en valor o modelo de planificación cultural de Ourense en Partenalia



Manuel Baltar puxo en valor o modelo de planificación cultural de Ourense na xornada de patrimonio monumental organizada por Partenalia. O presidente da Deputación de Ourense tamén reivindicou neste encontro de traballo, celebrado no Museo Etnográfico de León, a importancia desta rede europea de gobernos intermedios: "Partenalia é unha idea de éxito e un punto importante na construción europea, ofrecendo unha interlocución directa coas altas instancias comunitarias"

Baltar interveu esta mesma mañá no Museo Etnográfico de León, en Mansilla de las Mulas, na apertura das xornada sobre o patrimonio monumental organizada por Partenalia, a rede europea de gobernos intermedios para a cooperación territorial liderada polo presidente da Deputación de Ourense.

Nesta xornada, que contou coa presenza de políticos de administracións públicas intermedias e expertos europeos en turismo, o presidente da Deputación de Ourense estivo acompañado, entre outros, polo presidente da Deputación de León, Eduardo Morán; o vicepresidente da Deputación de Valencia -e vicepresidente de Partenalia-, Carlos Bielsa ou o presidente da rede de gobernos provinciais de Polonia, Grzegorz P. Kubalski.

Manuel Baltar remarcou a importancia desta xornada para "poñer en valor o modelo da Deputación de Ourense, o modelo da planificación, da programación, do Camiño de Santiago, o noso potencial termal, agora, sen dúbida, potenciado pola conexión co AVE coa capital do estado en pouco máis de dúas horas". E resaltou o peso específico de Partenalia -"unha idea de éxito admirada en toda Europa e un punto importante na construción europea"- nun momento como este, de captación dos fondos Next Generation e do marco financeiro plurianual, no que esta rede europea ofrece unha "interlocución directa" coas altas institucións comunitarias.

Valorou tamén a importancia do traballo en rede, na liña do executado nas organizacións europeas que preside, como Partenalia, a European Historical Thermal Towns Association (EHTTA) ou a Confederación Europea de Poderes Locales Intermedios (CEPLI), da que é vicepresidente: "Estas xornadas son vitais para intercambiar experiencias, para aprender uns dos outros, para ver o que se está a facer en Europa, para comprobar a vangarda".

O presidente da Deputación de León, Eduardo Morán, recoñeceu na súa intervención ante os medios de comunicación o liderado de Manuel Baltar ao fronte de Partenalia: "Poñendo en valor as administracións locais e intermedias, liderando estas posicións en Europea, a través de proxectos comúns ou prantexando a necesidade de xestionar directamente os fondos comunitarios".