Arranca a Ascensión con Santiago en plena recuperación turística


Santiago arranca co concerto de Los40 Pop as festas da Ascensión que se prolongarán ate o vindeiro domingo e amosan datos de ocupación hoteleira superando o oitenta por cento.

Ese bo comportamento das festas compostelanas por excelencia unha vez superada a pandemia xa se reflexou tamén nos datos do Instituto Nacional de Estadística, que confirman que na nova temporada o coronavirus xa quedou atrás con máis de 300.000 pernoctacións no que levamos de Ano Santo de 2022.

Estas cifras foron presentadas en rolda de prensa polo concelleiro de Turismo, Sindo Guinarte, e a xerente de Turismo de Santiago, Flavia Ramil, que fixeron balance da situación turística da cidade, cos números do primeiro cuatrimestre de 2022, e tamén compartiron as principais expectativas de cara ao resto do Ano Santo.Os datos tanto de pernoctacións como de peregrinos e de viaxeiros fan que no Concello "sexamos máis que optimistas e que pensemos que este ano será o da recuperación do sector turístico da capital galega", salientou o edil.

Neste senso, a xerente de Turismo de Santiago deu conta das pernoctacións publicadas polo Instituto Nacional de Estatítisca que veñen de amosar un dato máis que positivo no número de turistas nacionais que superaron os 200.000 nos primeiros catro meses de 2022, unha cifra non acadada ata agora na capital galega. Só en abril, rexistráronse máis de 76.000 pernoctas de visitantes patrios, os mellores datos dos últimos dez anos.