Arousa e o Salnés promocionanse en Andalucía como destinos intelixentes


O concelleiro de Turismo de Vilagarcia, Álvaro Carou, e representantes de Mancomunidade do Salnés, así como outros membros de corporacións locais e provinciais de Galicia, participan estes días no IV Encontro de Xestores da Rede de Destinos Turísticos Intelixentes (DTI) da que a institución local arousana forma parte dende o ano 2019. 

Durante tres días, os representantes dos 325 destinos que integran a entidade participarán nos relatorios, actividades e mesas redondas que se levan a cabo na localidade andaluza de El Ejido para facer seguimento do estado de execución do proxecto Segitur, para abordar as novidades na implantación da metodoloxía dos destinos turísticos intelixentes e para identificar os retos pendentes que terán que afrontar nos vindeiros meses.

O Destino Turístico Intelixente se define como un destino turístico innovador, consolidado sobre unha infraestrutura tecnolóxica de vangarda, que garante o desenvolvemento sostible do territorio turístico, accesible para todos, facilitando a interacción e integración do visitante coa contorna e incrementando a calidade da súa experiencia, así como a mellora da calidade de vida dos seus habitantes.

Con esta filosofía e seguindo estas directrices, a concellería de Turismo de Vilagarcía, de forma transversal con outros departamentos municipais, está a desenvolver diferentes accións e programando outras a través dos 2,5 millóns de euros obtidos dos fondos europeos Next Generation correspondentes ao Plan Estatal Turístico Xacobeo.

O proxecto de Vilagarcía leva por título Plan de Sustentabilidade Turística en Destino e permitirá desenvolver actuacións tendentes a modernizar e impulsar o turismo sostible mediante accións de recuperación de espazos, dotación de infraestruturas e equipamentos e creación de novos servizos, pasando por actuacións de sinalización inclusiva e dixitalizada.