Aberto o prazo para inscribirse nas rutas das maceiras en flor


“A sidra de verdade, feita con amor e coa mazá de mellor calidade faise aquí; non hai outra sidra coma a da provincia de Pontevedra, e ese potencial o temos que desenvolver”. Despois do rotundo éxito a nivel nacional que tiveron as dúas anteriores edicións, a Deputación volve aliarse coas e cos produtores de mazá ecolóxica nunha das iniciativas turísticas de maior atractivo na provincia, as rutas das “Maceiras en flor”, que regresan despois de dous anos de parón pola pandemia. Serán catro propostas de visitas gratuítas a plantacións de maceiras e a sidrerías da Estrada, que terán lugar durante a fin de semana da ponte de maio, os días 14 e 15. A presidenta Carmela Silva, e os responsables das sidrerías Rabiosa, Orlando Villamayor, e Camino, Nicolás Andión, presentaron as novas rutas, que ofrecerán 160 prazas e que buscan potenciar aínda más este “produto exclusivo e de gran calidade” a través dunha experiencia única “na que activar todos os sentidos e desfrutar”.

Carmela Silva lembrou que a comarca de Tabeirós-Terra de Montes é líder no noroeste peninsular de mazá ecolóxica, unha actividade que amais de cumprir os ODS da Axenda 2030, permite poñer en marcha este produto que converte á Pontevedra Provincia “nun destino singular”. “Cada vez mais a xente móvese para buscar experiencias diferenciadas e ninguén ofrece unha experiencia coma esta –apuntou-. “Se é certo que no val do Jerte as cereixas en flor son unha marabilla e unha explosión de cor, aquí na provincia e na Estrada non temos nada que envexarlle, porque as maceiras en flor son un espectáculo incrible, de cor e para o olfacto, e amais son un espectáculo de vida e unha aposta moi importante pola economía. Temos que aprender a presumir máis do que temos na provincia”.

As catro rutas desenvolveranse en puntos da Ruta da Sidra na Estrada e haberá dúas por día, con 40 prazas cada unha. Todas contarán cunha visita a unha plantación de maceiras e despois a sidrerías de distintas aldeas da Estrada, onde haberá unha a cata degustación. Cada ruta leva polo tanto o nome do local onde se desenvolverá esa cata: O día 14 celebraranse as de Ribela (situada no lugar do mesmo nome) e Camino (en Moreira), a primeira pola mañá e a segunda pola tarde. E o día 15 será a quenda da Ruta Rabiosa (coa sidrería situada en Pardemarín) pola mañá e a A Peroja (na aldea de Agar) pola tarde. No caso da plantación que se visitará de xeito previo, será a de Vilar, en Callobre, lugar onde tamén as persoas participantes poderán observar a espectacular sobreira de Valiñas, situada a escasos metros e que ronda os 300 anos de antigüidade.

A presidenta provincial destacou o traballo que están a desenvolver os produtores da zona, “cun proxecto potente para a nosa provincia e que levan a cabo con moito sacrificio e moitas dificultades, amosando que temos unha gran capacidade de iniciativa e un gran talento para facer cousas diferentes que nos referencian a nivel galego e do Estado”. Engadiu que a iniciativa de Maceiras en Flor ampliarase nas vindeiras edicións “porque hai moita xente traballando de verdade polo rural, sen palabrerías, con ideas e investimentos, e é o que temos que facer para fixar poboación no rural: menos palabras e máis ideas”.

No mesmo senso pronunciouse Orlando Villamayor, responsable da Sidrería Rabiosa, que destacou que este sector tradicional estase a recuperar con éxito coa posta en marcha de novas plantacións que auguran un incremento da produción de sidra. “Isto é algo exclusivo e hai que destacar a importancia que está a supoñer a recuperación do sector para o rural –indicou-. Sempre se fala de que necesitamos iniciativas, e recuperar estes sectores e facelos sostibles é importante para que se poidan autososter, porque se non, non van ter moito percorrido. E proxectos como o das Maceiras en Flor son un rotundo éxito”.

Villamayor cre que no eido da transformación está o futuro e o éxito do sector, “como temos o exemplo do viño” e, deste xeito, sinalou que na actualidade, na Estrada prodúcense ao redor dun millón de quilos de mazá, das que entre un 15 e un 20% convértense en sidra. “Hai moitísimo camiño aínda, porque hai plantacións moi novas e vai haber máis produción -explicou-. Creo que haberá que ir polo camiño da transformación, e na Estrada, aínda que é moi custoso, sobre todo para persoas empresarias modestas. Unha cousa é falar do rural e outra traballar e vivir del, e conseguir estes proxectos sostibles é a forma de que a xente se quede”. A este respecto, Carmela Silva tamén salientou que “hai que producir moita mais sidra, que non compita no prezo, senón en que sexa ecolóxica, e de moita calidade, seguindo os parámetros desa bebida tradicional que é riquísima e sa”.

As persoas que desexen participar nas Maceiras en Flor poderán inscribirse a partir deste luns, 2 de maio, a través do formulario que se habilitará na web da Deputación desde as 9 horas. Poderán reservarse un máximo de 4 prazas por persoa e se cubrirán por rigoroso orde de inscrición. Na solicitude deberán indicar a ruta á que se queren apuntar (Ribela, Camiño, Rabiosa e A Peroja), o número de prazas; nome e apelidos de cada unha das persoas; mail de contacto e teléfono da persoa de contacto. A Deputación pon a disposición das persoas participantes autobuses para realizar os desprazamentos (deberán levar máscara), aínda que se o prefiren teñen a opción de utilizar o seu vehículo particular. O punto de encontro é a Finca Callobre (á beira da Casa Rural Torres de Maceda).

Este ano, amais das visitas organizadas pola Deputación, os catro establecementos participantes terán nesa semana, do 2 ao 13 de maio, as súas propias xornadas de visita ás plantacións e con degustacións. Deste xeito, nos carteis de Maceiras en Flor tamén figuran os nomes e contacto para que as persoas que o desexen poidan apuntarse.