A Lei de calidade alimentaria suporá un impulso na produción e comercilización agraria

 


A futura Lei da calidade alimentaria, un texto que está previsto aprobar ao longo deste ano ten como principal obxectivo conseguir que os produtos alimentarios galegos alcancen unha nova dimensión no mercado, máis competitiva e atractiva para a cidadanía e, en consecuencia, favorecer tamén o desenvolvemento local, a creación de emprego e a diversidade produtiva.

Así a definiu o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), José Luis Cabarcos, na clausura das xornadas de fertilización, substratos, amorodo e outros froitos vermellos, organizada pola USC e que se desenvolveu dende o pasado mércores no salón de actos da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría de Lugo.

O director salientou que se busca tamén achegar ás persoas consumidoras todas as garantías de que o produto que se ofrece pasou rigorosos controis de calidade e estivo sometido a un especial coidado no proceso de produción e comercialización.

Ao tempo, José Luis Cabarcos debullou outras tarefas desenvolvidas pola devandita Axencia, dependente da Consellería do Medio Rural, e centradas en aspectos como a formación, a investigación ou a promoción da produción agroalimentaria galega. Ademais, fixo especial fincapé na importancia da transferencia ao sector das posibilidades que ofrece a I+D+i, para aplicar esas melloras nos procesos produtivos, así como na súa comercialización.