A lei de calidade alimentaria enxalza as catro IXP do viño galegas

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, puxo de relevo o potencial da próxima Lei da calidade alimentaria para enxalzar o produto das catro indicacións xeográficas protexidas do viño galegas. Foi na primeira xornada divulgativa que se celebra esta semana dentro do proxecto de cooperación “Viños das IXP de Galicia”, que recibiu unha axuda da medida Leader de preto de 90.000 euros. Nel participan seis grupos de desenvolvemento rural coordinados polo GDR Pontevedra-Morrazo e 15 adegas das IXP Ribeiras do Morrazo, Barbanza e Iria, Betanzos e Val do Miño-Ourense.


Na súa intervención, José Luis Cabarcos lembrou que o grande obxectivo da futura Lei da calidade alimentaria de Galicia -que vén de iniciar a tramitación do seu anteproxecto- é que os produtos alimentarios galegos alcancen unha nova dimensión no mercado, favorecendo en consecuencia o desenvolvemento local, a creación de emprego e a diversidade produtiva, ao tempo que se proporcionan ás persoas consumidoras todas as garantías.

Entre outras novidades que poderán ser aproveitadas polo sector do viño, apuntou o director, a nova Lei regulará unha certificación de sustentabilidade que busca fomentar o respecto ao medio ambiente, a calidade e a seguridade alimentaria, a protección das persoas traballadoras e da cidadanía, así como unha renda adecuada para os diferentes elos da cadea de valor. Tamén se crearán dous órganos de consulta e participación do propio sector e potenciarase a compra ou contratación pública de produtos e servizos alimentarios cun impacto ambiental reducido.

Precisamente no marco da posta en valor das producións agroalimentarias galegas, José Luis Cabarcos aludiu tamén á Estratexia de dinamización económica, territorial e turística das comarcas vitivinícolas de Galicia promovida pola Xunta, que xa está en marcha para potenciar tanto a imaxe de marca e identidade dos viños galegos como o turismo vinculado aos territorios onde se producen para servir de panca de impulso da nosa economía.

O proxecto “Viños das IXP de Galicia” continuará mañá cos seus actos programados esta semana, celebrando unha nova xornada divulgativa en Rianxo na que participará a directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, explicando as posibilidades que ofrece a Lei de recuperación da terra agraria para impulsar a produción de viño. Mentres, o sábado 28 terá lugar no Pazo de Goiáns, en Boiro, o Túnel do viño, para dar a coñecer o produto das catro indicacións xeográficas protexidas vitícolas galegas.

A iniciativa liderada polo grupo de desenvolvemento rural Pontevedra-Morrazo foi presentada no marco da convocatoria de proxectos de cooperación da medida Leader que se resolveu o ano pasado, coa concesión dun orzamento total próximo aos 500.000 euros, dos que case 90.000 euros foron para esta iniciativa concreta. No proxecto participan, ademais do GDR Pontevedra-Morrazo, os grupos Galicia Suroeste Eurural, Mariñas-Betanzos, Comarca de Ourense, Salnés-Ulla-Umia e Deloa (Sar, Barbanza e Muros-Noia), así como 15 adegas das catro IXP de viños de Galicia.

Os obxectivos do proxecto son dinamizar os operadores e establecer canles de colaboración entre as IXP, impulsando o sector vitivinícola en cada un dos territorios; contribuír a consolidar e/ou aumentar o número de marcas comerciais; mellorar as canles de divulgación, promoción e comercialización dos viños así como a formación en proxección e comercialización dos elaboradores, favorecendo un maior coñecemento das IXP e unha mellor percepción social das propias comarcas amparadas. Tamén se busca favorecer o posicionamento como destino enoturístico das comarcas que forma cada IXP.