A `Epic Race´máximo expoñente do turismo activo na provincia de Pontevedra


A sexta edición da Epic Race, a proba de ultrarresistencia sobre bicicleta todo terreo máis prestixiosa de Galicia, volve durante a próxima fin de semana do 4 e 5 de xuño. A presidenta da Deputación de Pontevedra (principal patr5ocinador do evento), Carmela Silva, presentou a proba acompañada de Josevi Cimadevila, director da empresa organizadora (Global DXT) e representantes dos sete concellos nos que se sitúan as “estacións de paso”: Agustín Fernández, tenente de alcalde e concelleiro de Deportes de Pontevedra; Carlos Viéitez, alcalde de Meaño; Ricardo Martínez, alcalde de Portas; José Cela, alcalde de Moraña, David Vidal, concelleiro de Deportes da Lama; José Luis Fernández, alcalde en funcións de Mondariz e Olga García, concelleira de Redondela. A proba, non obstante, transcorre por un total de 18 municipios.

A Epic Race é un “escaparate da provincia” e o máximo expoñente do “turismo activo” que a Deputación quere promover no marco dunha estratexia provincial que se resume na campaña “Love Rías Baixas”, motivo polo que a presidenta provincial, Carmela Silva, invitou a tódalas/os participantes a “namorarse desta provincia”, cousa que deu por feita, porque “quen vén a Epic Race, repite”.

Un total de 300 ciclistas (preto dun 20% deles portugueses), que reforzarán a ocupación hoteleira durante a primeira fin de semana de xuño, tomarán a saída para enfrontarse ao reto da gran distancia (300 Km ou 200 Km) e a pendente acumulada (8.500 metros ou 5.500 metros), tanto nas modalidades individuais como por equipos. O percorrido transcorre, “despois de moitas horas de traballo”, como remarcou Carmela Silva, polo territorio de 97 comunidades de montes ao longo de 18 concellos da provincia, dos que sete acollen as “estacións de paso” para cronometraxe e avituallamento. Nos seis anos de celebración da “Epic”, son xa preto de 1.400 persoas as que teñen participado no evento.

A carreira, nas súas dúas distancias, ten formato “non stop” e tempos límite de 28 horas e 19 horas respectivamente para completala. Hai categorías masculinas e femininas tanto en individual como en parellas e tamén nos equipos, que poden ser de ata tres ciclistas. A proba está dividida en 7 etapas coa estación de paso ao remate de cada unha: Pontevedra-Meaño, Meaño-Portas, Portas-Moraña, Moraña-A Lama, A Lama-Mondariz, Mondariz-Redondela e, finalmente, Redondela-Pontevedra, que serven para realizar os avituallamentos e facer os controis de paso cos xeolocalizadores. No caso dos equipos serven para a entrega da testemuña. O percorrido non está sinalizado, polo que faise con navegación GPS. A meta e chegada está na avenida de Montero Ríos pontevedresa, fronte ao Pazo Provincial.