A Deputación de Ourense presentou á convocatoria extraordinaria dos Planes de Sostenibilidade Turística en Destino (PSTD), dentro da sección do Plan Nacional de Enogastronomía -financiada con fondos Next Generation-, un proxecto titulado "Plan de Sostenibilidade Enogastronómico da Provincia de Ourense - EnOUturismo".
Este plan, por valor de 4.431.081 de euros, contempla 20 actuacións distribuídas en catro eixes programáticos: transición verde e sostible; mellora da eficiencia enerxética; transición dixital e competitividade. O obxectivo desta candidatura, estruturada a través do Inorde, é liderar, dende unha visión integral de provincia, a transformación competitiva do sector enogastroturístico.
O presidente da Deputación Manuel Baltar, resalta a concepción integral deste proxecto: "Contempla a toda a provincia, beneficiando a todas as empresas e persoas que traballan en Ourense no enogastroturismo para potenciar un sector clave para o futuro da nosa economía".
Baltar destaca o traballo realizado para confeccionar este plan: "A Deputación está traballando para conseguir fondos e desenvolver políticas integradas no noso plan de mandato. Traballando e elaborando proxectos como este, liderado pola xerente do Inorde, Emma González".
Cuantificado en 4,4 millóns de euros, lembra o presidente do goberno provincial que a súa obtención suporía contar cun novo Plan de Sostenibilidade Turística en Destino: "A Ourense xa lle concederon o da Ribeira Sacra e o de Turismo Termal -este último, liderado pola Deputación-. Agora, o Plan EnOUturismo preséntase para competir con outros de toda España e acadar estes fondos. Sen dúbida, os intereses de Ourense están ben representados e esperemos que dende o Goberno volvan a ter en conta a petición desta provincia".
Como se resalta dende a redacción do programa do "Plan de Sostenibilidade Enogastronómico da Provincia de Ourense", a estratexia turística de Ourense -presentada a finais do ano pasado- pivota en catro recursos fundamentais: o termalismo -do que xa se obtivo o correspondente PSTD-; a natureza e o patrimonio -comúns a moitos territorios-; e, como segundo gran factor diferencial de Ourense, o potencial enoturístico.
Este potencial está apoiado nas catro Denominacións de Orixe e cinco Indicacións Xeográficas Protexidas con sede en Ourense, ademais de moitos outros recursos gastronómicos que poden converterse nun produto turístico. Agora, apoiados nas posibilidades dos fondos Next Generation o obxectivo é impulsar a creación de emprego no rural e, polo tanto, afrontar o reto demográfico, buscando unha conexión entre o sector gandeiro, agrícola e turístico.
As actuacións do Plan EnOUturismo están orientadas a fomentar esta transformación competitiva, contemplando máis dun millón de euros en liñas de axuda que irían directamente ao sector privado, ás empresas, para adaptar a súa oferta ou infraestrutura dun xeito que lles permita crear experiencias turísticas e, ou, completar a actividade tanto de adegas como de outras explotacións agrícolas ou gandeiras coa recepción de visitantes.
Tamén se prevé unha liña de axuda á transición enerxética, así como formación específica para impulsar o enoturismo en concreto e o agroturismo en xeral.
Outros dos obxectivos específicos do proxecto están encamiñados a abordar necesidades da provincia como destino turístico. Estes desafíos son a mobilidade sostible combinada coa gran oportunidade da chegada da Alta Velocidade, que permite redistribuír os fluxos turísticos ás comarcas enoturísticas; e abordar o déficit de prazas de aloxamento en puntos de alto potencial e recursos de gran interese pero carentes de oferta de hospedaxe en modalidade "eco-aloxamento".