A Deputación de Lugo aposta polos produtores de proximidade


O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, destacou que “a aposta polos produtores de proximidade e, hoxe máis que nunca, unha aposta de futuro, unha necesidade como país”. Roca deu o pregón da 25 edición da Feira de Produtos do Campo e Artesanía de San Cidre que se celebra esta fin de semana na praza lucense da Milagrosa.

Tamén puxo en valor as potencialidades do rural da provincia de Lugo e reivindicou uns servizos públicos de calidade para evitar así o despoboamento: “Queremos para Lugo un futuro cun rural dinámico e vivo. Un rural que xere emprego estable. Un rural con centros educativos, con sanidade ou con centros para as persoas maiores. Un rural no que a xente nova poida desenvolver os seus proxectos de vida”. Tamén aproveitou o Presidente para felicitar á veciñanza pola organización dunha feira que “reivindica a calidade das materias primas do noso rural, dos produtos de proximidade, e do traballo dos nosos produtores e artesáns”.

A feira de San Cidre servirá estes días -20, 21 e 22 de maio- para dinamizar o barrio lucense da Milagrosa con actuacións culturais, degustacións e cunha trintena de postos procedentes de diferentes puntos de Galicia e Asturias.