A Deputación de Lugo achega as nenos o agro


Achegar aos nenos as iniciativas do sector primario ligadas á terra e tamén as industrias que os transforman. Con esa idea a deputada Mónica Freire presentou o programa “Da escola á granxa”, unha nova iniciativa da área de Medio Rural da Deputación de Lugo que ofrece ao alumnado a posibilidade de participaren en visita a gandeirías, producións agrícolas e pequenas empresas de transformación de produtos agrogandeiros.

O Boletín Oficial da Provincia xa recolle dende o venres a convocatoria, dirixida ás Anpas, que poderán solicitar visitas a algunha das 25 granxas e entidades participantes, optando a unha ampla oferta educativa que inclúe visitas para coñecer de primeira man o manexo de animais e cultivos, obradoiros de elaboración de produtos e outras actividades divulgativas ligadas ao coñecemento da contorna e á educación ambiental.

Na presentación Mónica Freire explicou que o programa incide na promoción e valorización do sector primario como un dos piares da actividade económica, do dinamismo social e do equilibrio territorial da provincia, na mesma dirección doutras iniciativas desenvolvidas desde a área de Medio Rural como a plataforma de venda en liña Son de Lugo ou a colaboración coas asociacións agrogandeiras.

A deputada nacionalista destacou que “Da escola á granxa contribuirá a reforzar lazos entre proxectos de emprendemento no sector primario que, desde actividades diversas que van desde a gandeiría, a agricultura, a produción alimentaria ou a conservación ambiental, comparten a aposta polo rural, por producións de calidade e por modelos e formas de manexo sostibles e adaptadas ao territorio”, ao tempo que “configuramos unha oferta de recursos e servizos educativos que pode diversificar e completar as rendas das explotacións, como acontece noutros países europeos e se recolle tamén na Política Agraria Común”

Nesa liña Mónica Freire sinalou tamén a necesidade deste tipo de iniciativa “para que os nenos e nenas coñezan e valoren os produtos de proximidade e a importancia do sector primario tanto no abastecemento alimentario coma no mantemento da paixase, do territorio ou da cultura” e “afastar definitivamente ese estigma social arredor do rural, visibilizando referentes para que á hora de enfocar ás súas vidas vexan o rual como un espazo no que desenvolver os seus coñecementos e o seu talento”.

No acto tamén interviron representantes das granxas e entidades que participan no programa: Diego Fernández da gandeiría Casa da Escola de Gundivós, en Sober, dedicada ao gando porcino e ovino, Suso Mazaira da queixería chantadina Airas Moniz, que ven de facerse con tres premios no Salón Gourmet de Madrid, e Iván Rodríguez, director técnico na Asociación de Criadores de Porco Celta (Asoporcel), da que forman parte catro das granxas incluídas no programa, que coincidiron en valorar a inicitiva como unha oportunidade para dar a coñecer ás xeracións máis novas o que se está a facer no rural.