Dar a coñecer dúas áreas xeográficas singulares a través da súa gastronomía é o obxectivo da área de Turismo da Deputación na Feira 'Expovacaciones. Tendencias & Experiencias', que esta fin de semana se celebra en Bilbao. Así, a gastronomía que protagonizará os showcookings e as degustacións comentadas no stand a Deputación da Coruña é a que corresponde aos territorios da Reserva da Biosfera das Mariñas e Terras do Mandeo e do proxecto de Xeoparque de Cabo Ortegal.
O responsable da área provincial de Turismo e vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira explica que "nos últimos anos estamos constatando que a gastronomía de calidade está funcionando como unha ferramenta moi útil para dar a coñecer o territorio, tanto no relacionado coa materia prima e coa oferta de restauración, como en cuestións culturais, xeográficas, paisaxísticas ou mesmo xeolóxicas".
Neste sentido, Xosé Regueira avanza que "este tipo de promoción baseada na oferta gastronómica é un dos nosos puntos fortes e, como tal, estamos dando pasos firmes para desenvolver unha marca gastronómica propia, que funcione como un paraugas para produtores e produtoras agroalimentarias, para empresas de transformación e para cociña de autor ou singular".
No contexto da Feira de tendencias turísticas que se celebra en Bilbao, a Deputación terá actividade propia durante os tres días para dar a coñecer ao público deste evento as características e peculiaridades dos produtos da Reserva da Biosfera e do Xeoparque Ortegal a través de degustacións comentadas e cociña en directo.
Así o venres 6, está previsto un showcooking con produtos do territorio do Xeoparque de Ortegal a cargo dos cociñeiros Óscar Galandum e Ganna Alinachikova, da 'Taberna Bardancas' de Cariño. Na mesma xornada, tamén están programadas degustacións comentadas con produtos da conserveira La Pureza de Cariño e de requeixo de San Sadurniño e de Moeche.
O sábado e o domingo, os showcookings correrán a cargo do cociñeiro Lolo Mosteiro e da cociñeira Paula Martínez, da 'Artesa da moza crecha' de Betanzos. Neste caso combinarán produtos da Reserva da Biosfera das Mariñas e Terras do Mandeo con produtos do Xeoparque de Cabo Ortegal. As degustacións comentadas centraranse en conservas de Mar de Ardora e Algamar de Ortigueira, queixo de Moeche, e conservas Amieiro de Cariño.