A Deputación da Coruña e Betanzos reclaman á Xunta implicación na recuperación do Pasatempo


O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e a alcaldesa do Concello de Betanzos, María Barral, supervisaron esta mañá as obras de rehabilitación do parque enciclopédico do Pasatempo, nas que o ente provincial e o Concello invisten 525.000 euros, pero que non contan con colaboración da administración autonómica.

Tanto Formoso como Barral coincidiron en demandar a Xunta que se implique na recuperación deste singular espazo.

Valentín González Formoso reclamou "un pouco de dignidade á Xunta, á Consellería de Cultura e ao novo presidente da Xunta con este elemento tan singular na provincia". O presidente provincial indicou que "non pode ser que quen ten as competencias en recuperación do patrimonio histórico, quen ten os fondos orzamentarios, non apareza por aquí e deixe de lado aos betanceiros e betanceiras".

Sumando as diferentes achegas das institucións implicadas, Barral sinalou que o Pasatempo "vai recibir un millón e medio e con iso abordaremos outras fases importantes e urxentes, pero non é suficiente, con iso chegariamos en torno ao 60%". A rexedora fixo referencia á necesidade de que a Xunta colabore para poder actuar na totalidade do parque.

"Aquí esperamos a implicación da administración pública que falta, a Xunta, que é ademais a que ten competencias e que, en boca do entón presidente en febreiro do 2019, anunciou en Betanzos un compromiso ineludible, pero que ata o de agora foi cero", afirmou Barral.

Estes primeiros traballos, en fase de execución, permitirán recuperar os case 700 metros cadrados da zona do estanque do Retiro, seriamente danada tras un derrubamento hai dous anos. González Formoso e Barral expresaron a súa satisfacción polo inicio das actuacións, froito da colaboración da Deputación e o Concello, e reclamaron á Xunta de Galicia "que asuma as súas competencias en materia de recuperación do patrimonio histórico".