A Deputación da Coruña convoca a V edición dos Premios PEL


A Deputación da Coruña convoca a V edición dos Premios PEL, galardóns xa consolidados, que constitúen unha das citas anuais clave do sector empresarial da provincia. O obxectivo destes premios é o de recoñecer o esforzo e implicación das empresas, persoas profesionais autónomas, das asociacións e clústers empresariais da provincia no desenvolvemento económico, na creación de emprego e riqueza no territorio.

Ao éxito na recepción de candidaturas nas pasadas edicións, máis de 300 en total, súmase a gran confluencia de asistentes aos actos de entrega de galardóns, situándoo como un dos premios con maior participación e acollida na escena provincial.

Nesta nova edición, a Deputación destinará un total de 75.000 euros a premiar a excelencia das empresas e asociacións empresariais da provincia, o que o consolida como uns dos premios mellor dotados tanto a nivel rexional como nacional.

A principal novidade desta edición é a redución de categorías pasando das cinco que viñan sendo habituais a tres coa finalidade de incrementar o montante dos primeiros premios nas categorías con maior concorrencia, así como o aumento do número de entidades que resultarán beneficiarias, pasando de cinco a seis, xa que as bases tamén se contemplan a inclusión da posibilidade de entrega de accésits para aquelas candidaturas que o xurado estime oportuno.

As entidades gañadoras de cada categoría recibirán un premio de 20.000 euros, mentres que os segundos clasificados de cada categoría optarán a accésits por importe de 5.000 euros.