A cafetería Moi Bo coroase como ganadora do PonteAlmorzo


O menú ‘Quedei como un pepe’, servido pola cafetería Moi Bo (Michelena, 34) e composto por café, infusión ou colacao, zume de froitas, mini croissant e un petisco salgado de xamón serrano, aguacate, queixo, tomate e aceite de oliva, é para á cidadanía, con 627 votos e 3.050 puntos obtidos, o Mellor Almorzo de Pontevedra 2022.

Completan este podio do certame PonteAlmorzo, impulsado pola Concellería de Promoción Económica e a Asociación de Hostaleiros Empresarios de Pontevedra (Hoempo), La Buena Vida (Blanco Porto, 4), que con 321 votos e 1.523 puntos obtivo o segundo premio grazas á súa proposta ‘Buenos días buena vida’ (café, infusión ou colacao, zume de laranxa natural, biscoito e tosta de tomate con xamón e aceite de alfábega ao toque allo negro), e Cafetería Sonata (Peregrina, 66), cuxo ‘Desayuno con diamantes’ (café, infusión ou colacao, zume de laranxa e amorodo natural, froita fresca, galleta de espelta con xamón ibérico, iogur con muesli e doce do día) acadou o terceiro premio con 290 votos e 1.348 puntos. Ademais, o ‘Homenaje’ de Vía Nai (Isabel II, 22), a base de café blend Vía Nai elaborado en V60, limoada, biscoito húmido de chocolate e ovos á cazola con bacon, ceboliño e sal de Ibiza, foi merecedor dunha mención especial da Asociación de Celíacos de Galicia (Acega) ao Mellor Almorzo Libre de Glute.

Os galardóns foron entregados esta mañá ante a sede de Turismo de Pontevedra (Casa Consistorial) nun acto que estivo presidido polos concelleiros socialistas Yoya Blanco e Iván Puentes e que contou coa presenza da secretaria de Acega, Pilar Vence; o presidente de Hoempo, Daniel Lorenzo; o vicepresidente do colectivo, Rafael Rúa, e o seu secretario, Antonio Fernández. Recolleron os premios Vanesa Palacios (Moi Bo), Chicho Barragáns (La Buena Vida), Gloria Serrano (Sonata) e Mercedes Murga (Vía Nai), que o recibiu de mans de Pilar Vence.

O acto tamén serviu para dar a coñecer, grazas á ‘man inocente’ dunha muller que pasaba polo lugar, os nomes dos gañadores dos tres premios de 100 euros (para gastar nos locais participantes) sorteados entre o público que depositou as súas valoracións nas urnas instaladas nos 19 bares e cafeterías inscritos: foron José Trasande Sorey (cun voto depositado na Cafería Bachata), Juan López Cobelo (que votou na Adega dos Avós) e Adela García García (que o fixo en Vía Nai). Yoya Blanco salientou “o absoluto éxito deste primeiro PonteAlmorzo, tanto polo elevado número de establecementos implicados e a enorme calidade dos menús presentados como pola resposta da cidadanía pontevedresa: vendéronse 3.322 almorzos, o que supuxo un retorno de 13.288 euros para os negocios (os almorzos tiñan un prezo de 4 euros)”.