Xosé Regueira impulsa un proxecto singular turístico sobre a Depresión Meridiana

O vicepresidente e responsable provincial de Turismo, Xosé Regueira, anunciou no Concello de Ames que a Deputación está iniciando a posta en marcha dun novo proxecto singular turístico ao redor da Depresión Meridiana. Esta proposta, que involucra a varios concellos da provincia, foi o principal punto de traballo da xuntanza mantida esta mañá entre Xosé Regueira e o alcalde de Ames, Blas García, e na que tamén participaron o deputado de Patrimonio, Xosé Lois Penas, o tenente de alcalde de Ames, David Santomil, e o concelleiro de Turismo, Manuel Lens, entre outros concelleiros e concelleiras do goberno municipal.

"Este novo proxecto parte dun accidente xeolóxico único e que serviu para configurar territorio, para configurar cultura e para configurar paisaxe e a partir do que queremos deseñar nos vindeiros anos produtos turísticos de calidade que sexan positivos a poboación xeral, para a poboación residente, para os sectores económicos e tamén para o turismo" asegurou Xosé Regueira tras a xuntanza. 

Pola súa banda o alcalde, Blas García asegurou que "se trata dunha moi boa oportunidade para poñer en valor esta singularidade do noso territorio" e amosou a súa disposición para poñelo en marcha.

Na xuntanza tomouse a decisión de crear dúas mesas de traballo, unha conformada por responsables políticos dos concellos involucrados – Carballo, Val do Dubra, Ames, e Padrón- e outra de perfil técnico. Ademais tamén se apuntou a posibilidade de acadar a colaboración da Xunta e da Deputación de Pontevedra e converter o proxecto nunha iniciativa de carácter galego, posto que tamén afecta aos concellos de Pontecesures, Caldas de Reis, Pontevedra, Redondela, Porriño e Tui.