Volta a Pontevedra a 4 Picos BTT con máis de 1.000 ciclistas

Una das clásicas por excelencia da ‘mountain bike’, a Pontevedra 4 Picos BTT, regresará o vindeiro 14 de maio cun novo percorrido que promete deixar coa boca aberta a tódolos asistentes. Os máis de 1.000 ciclistas que participarán na proba, organizada pola firma Global Dxt en colaboración coa Concellería de Deportes e a Deputación, poderán poñer a proba os seus límites nas dúas distancias que se propoñen: unha curta, de 63 kilómetros e un desnivel acumulado positivo de 1.500 metros, e outra longo, de 130 kilómetros e preto de 3.000 metros de desnivel acumulado positivo.

Todos aqueles interesados en participar, sexan ‘pros’ ou simplemente amantes do turismo deportivo en bici, e que aínda non se inscribirán, terán até o 29 de abril para facelo a través da páxina web www.pontevedra4picos.com, onde tamén poderá atoparse toda a información sobre este evento. A proba dará comezo entre as 8:15 e as 8:30 horas e os participantes sairán desde as inmediacións do Pazo de Congresos (onde, ademais da liña de saída, tamén haberá unha feira expositiva do ciclista e unha zona de bar) en caixóns de 300 en 300 en función da velocidade de carreira que leven (primeiro sairán os máis rápidos), evitando así atascos no percorrido e permitindo uns avituallamentos cómodos.

A carreira, aberta a categorías individual, por parellas, equipos de tres e ebike, foi presentada esta mañá no Concello de Pontevedra nun acto no que participaron o tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández; a deputada provincial Ana Laura Iglesias; o responsable da empresa organizadora, Josevi Cimadevila; o inspector da Policía Local Jesús Cal; o xefe de Protección Civil, Hermenegildo Rodríguez Novoa, e o coordinador da Oficina de Voluntariado de Pontevedra, Miguel Balea

O trazado da 4 Picos

O primeiro pico comezará con 3 km de estrada neutralizados que dan paso aos sendeiros e pistas iniciais (xa con proba aberta) que levarán aos participantes cara a zona do Lago Castiñeiras (km 14). Neste punto, e despois dunha baixada por pistas, chegarase ao avituallamento (km 18), que se atopa na base da subida principal ao Monte Xaxán, que no km 24, deixará 800 metros de acumulado nas pernas dos ciclistas. A partir de aí, seguirán múltiples sendeiros entrelazados que conducirán de novo ao Lago Castiñeiras, cunha pequena subida de asfalto de 1,5 km en medio.

A subida ao segundo pico iniciarase por unha zona de estrada pola que transita o Camiño de Santiago, en A Canicouva. Desde este punto afrontarase unha subida constante con tres partes: unha primeira zona de sendeiro ancho que levará á segunda nunha pista principal, para rematar nun sendeiro con zonas de pendente pronunciada, chegando así á zona máis alta do Monte da Fracha. No km 44, os ciclistas atoparanse cun nutrido avituallamento (o 2º) e o prato forte do día, un divertido bikepark, cuxa baixada se entrelazará con outros sendeiros que dirixirán pouco a pouco ata a cidade. Nos últimos 4 kilómetros, os participantes desfrutarán dunha zona de ‘llaneo’ a carón do río Lérez antes de chegar á meta do dous picos (km 63).

Os máis atrevidos continuarán cara ao terceiro pico, o que sube ao Monte Castrove, cunha potente pendente na zona do hipódromo, que conducirá cara a outro dos balcóns da proba, desde o que se pode ver toda a ría de Pontevedra (km 74). Unha vez coroado o cumio, comeza un novo descenso antes do terceiro avituallamento no km 82. A partir de aquí, nun constante sube e baixa, os ciclistas dirixiranse cara ao cuarto e último pico, a cuxa base deberán chegar antes das 16:30 horas aqueles que ousen subilo (con oito horas xa nas súas pernas).

Na súa primeira parte, o cuarto pico consta dunha subida cómoda que alterna pistas e sendeiros. Será na segunda parte, despois do cuarto avituallamento (km 96), na que os participantes se atopen con algunha forte rampla. Unha vez coroado o cumio, iniciarase unha rápida baixada por pista ata o Pontillón do Castro e, pouco a pouco, de novo ata a liña de meta en Pontevedra, onde agarda a ansiada medalla de finisher e un avituallamento para recupera-las forzas.