Viveiro prepárase para retomar a solemnidade da súa Semana Santa


A Semana Santa de Viveiro é unha das grandes celebracións relixiosas de Galicia; grazas a súa singularidade obtivo no ano 2013 a declaración de Festa de Interese Turístico Internacional. Remonta as súas orixes ao século XIII cando se asentaron na cidade as ordes mendicantes de franciscanos e dominicos, encargadas de divulgar ao pobo a paixón de Cristo.

Os dous actos máis antigos que se seguen a celebrar na actualidade son O Encontro e O Desencravo, ambos con imaxes articuladas.

Na Semana Santa xúntase tradición e innovación pois ao longo dos séculos seguiu un proceso de mellora coa creación de confrarías e irmandades que puxeron na rúa novas procesións, incorporando imaxes e pasos procesionais sen perder a súa esencia. A súa riqueza patrimonial permite admirar imaxinería que vai dende o século XV ata o XXI.

Os visitantes poden desfrutar de quince desfiles procesionais, onde máis de coarenta pasos percorren o casco histórico medieval de Viveiro. E o máis importante, a implicación de todo un pobo, non en balde máis de 3.000 viveirenses forman parte dalgunha das 8 confrarías de Semana Santa.

Esta implicación, co apoio incondicional de todas as institucións locais encabezadas polo Concello, a Deputación Provincial de Lugo e a Xunta de Galicia, fan posible, que despois de 8 séculos de historia, a Semana Santa de Viveiro siga sendo un referente. No ano 2019 deu un paso máis na súa internacionalidade ao adherirse a Rede Europea de Celebracións de Semana Santa e Pascua.

Á espera dun museo, a Semana Santa de Viveiro conta cunha exposición permanente no claustro do antigo convento de San Francisco cun rico patrimonio sacro. Durante a Semana Santa instálase unha carpa que alberga nove pasos xa montados para saír a procesionar ademáis de orfebrería, estandartes, hábitos ou fotografías.

Dende a Xunta de Confrarías estanse a tomar todas as medidas oportunas para conquerir unha Semana Santa segura frente á covid, tanto para os levadores, como para o resto de participantes dos desfiles procesionais.