Un total de 47 empresas galegas participarán en Gourmets baixo o paraguas da Xunta



A Xunta promocionará os produtos galegos de calidade do agro e do mar na XXXV edición da feira Gourmets, que se celebrará do 25 ao 28 de abril en Madrid. En total serán 47 empresas e entidades galegas as que participen baixo o paraugas da Xunta, co fin de promocionar os seus produtos e abrir novos mercados a nivel nacional e internacional.

O posto que leva a Consellería do Medio Rural estará composto por dúas illas que ocuparán unha superficie total de 414 metros cadrados, onde se albergarán un total de 29 empresas do sector agrario. Nunha desas illas estarán 14 coexpositores do sector alimentario en xeral e, na outra illa, irán 15 adegas e coexpositores doutras bebidas.

Ademais, neste posto tamén haberá espazo para unha aula de experiencias de calidade, onde se levarán a cabo diversos obradoiros de cociña en directo, catas e degustación de produtos galegos con selo de calidade, en colaboración co persoal dos consellos reguladores que participan na feira. Tamén se celebrará un túnel do viño e do queixo, así como unha acción de promoción da indicación xeográfica protexida Vacún de Galicia con nenos de diversos colexios de Madrid.

Pola súa parte, a Consellería do Mar estará presente na feira cun posto de 490metros cadrados que albergará a 18 entidadescoexpositoras da cadea mar-industria e contará cunha aula na que se realizarán diversas degustacións de produtos do mar amparados co selo pescadeRías e conservas de peixes e mariscos. Ademais está previsto que a conselleira do Mar, Rosa Quintana, visite a feira.